Miles de docentes levan ás delegacións de Educación o seu malestar cos recortes e privatizacións

O profesorado galego mantivo este mércores a súa mobilización masiva no segundo día consecutivo de folga no ensino público, convocada pola CIG-Ensino, para esixir un cambio profundo nas políticas da Consellaría de Educación. Milleiros de docentes saíron ás rúas das catro capitais galegas —A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra— para expresar o seu rexeitamento aos recortes, a falta de valorización profesional e o avance da privatización educativa.
Na Coruña, as persoas manifestantes iniciaron a marcha no colexio Alborada, onde un grupo de corenta docentes pasou a noite pechado, e dirixíronse ao edificio administrativo da Xunta en Monelos. A encargada de ler o manifesto final, Xela Armas, destacou que “o profesorado galego está facendo historia con esta loita iniciada despois de 15 anos de recortes” e insistiu en que o colectivo non abandonará o pulso á administración.
En Pontevedra, a marcha percorreu a cidade desde o Instituto Valle Inclán, tamén escenario dun peche nocturno, até a delegación de Educación. A secretaria comarcal Tamara Martínez subliñou que “a loita é a razón” e chamou a seguir o exemplo doutras mobilizacións sociais en defensa da igualdade e dos servizos públicos.
Entre as principais reivindicacións, o sindicato reclama a redución inmediata das ratios por aula, a recuperación dos horarios previos aos recortes de 2012 e a eliminación do exceso de burocracia que, segundo denuncian, impide ao profesorado centrarse na docencia. “A Consellaría hipoteca o futuro do ensino obrigatorio galego cun calendario inasumible para baixar ratios até o curso 2032-33”, indicou Martínez, lembrando que a baixada horaria en primaria se fixo “a custo cero, sen máis persoal docente”.
En Ourense, a mobilización tivo carácter circular, con saída e chegada diante da delegación territorial. Elena Añel, membro da executiva da CIG-Ensino, lembrou que as melloras laborais están directamente vinculadas coa calidade do ensino: “Está en xogo o futuro da nosa sociedade, a igualdade, o coñecemento da lingua e da cultura galegas e o respecto aos dereitos humanos e ao medio ambiente”.
En Lugo, a manifestación partiu da Horta do Seminario e finalizou fronte á delegación de Educación. A secretaria nacional do sindicato, Laura Arroxo, pechou os actos animando ao profesorado a “non renderse nin baixar o pulso”. “Conseguimos unha unidade e unha forza que no búnker da Xunta molesta e moito. Temos que seguir socializando o conflito, sumando máis profesorado e facendo respectar o ensino público galego”, concluíu.
