Miles de persoas uníronse para esixir o freo definitivo aos proxectos de Altri e da mina de Touro-O Pino

Miles de persoas volveron colapsar este domingo o centro de Santiago de Compostela nunha mobilización convocada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino. A protesta, a segunda gran manifestación nacional contra Altri, conseguiu encher de novo a praza do Obradoiro 19 meses despois do inicio das mobilizacións, cunha asistencia que as organizacións convocantes cifraron en arredor de 80.000 persoas.
Na cabeceira da manifestación, as voceiras das tres plataformas reclamaron ante os medios de comunicación o “peche definitivo” por parte da Xunta de Galicia da tramitación dos dous proxectos declarados estratéxicos, o da planta de Altri en Palas de Rei e o da reapertura da mina de Touro-O Pino. A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, asegurou que “volvemos a Santiago coa mesma determinación e co mesmo obxectivo que o fixemos o ano pasado: que Altri non se instale na nosa terra”.
Gontá explicou que os motivos da protesta “son sinxelos e de sentido común” e afirmou que a cidadanía quere “manter a calidade de vida que temos”. Criticou que o proxecto de Altri-Smarttia, propietaria do 95% de Greenalia, suporía “8.754 quilos de gases contaminantes ao día que enfermarían a poboación”, lembrando que existen informes do Consello da Cultura Galega que avalan estas advertencias. Engadiu que a macrocelulosa implicaría tamén “a contaminación do Ulla cunha vertedura de 60 toneladas de sulfatos ao día, expropiación da terra e regalarlle inxentes cantidades de auga doce e de terra fértil a unha industria que arrincará as raíces dos nosos montes mentres un deserto verde de monocultivo nos arrasa”.
A voceira de Ulloa Viva advertiu de que estes proxectos buscan “sacarlle os bens e recursos aos nosos fillos para entregalos a unha empresa privada que só busca beneficios” e deixou claro que “Altri non se vai instalar na nosa terra, defenderémola ao prezo que sexa”. Ademais, sinalou directamente á Xunta de Galicia como responsable do conflito, afirmando que “os responsables do sufrimento da poboación e da escala que tome este conflito están na Xunta”. Nese sentido, apuntou a Alfonso Rueda, María Jesús Lorenzana e Ánxeles Vázquez, asegurando que “son responsables do noso sufrimento e non están cumprindo coa súa obriga de mirar polos intereses da cidadanía”, polo que os instou a “deixar o posto a outros membros do PP que sexan capaces de facelo”.
Pola súa banda, Greenfiber respondeu ás mobilizacións cun comunicado no que lamenta “que unha parte da sociedade siga tendo unha percepción negativa do proxecto que deseñamos para Palas de Rei”. A empresa destacou que a iniciativa vén de recibir o selo STEP outorgado pola Comisión Europea, un recoñecemento reservado a proxectos industriais que contribúen de forma destacada aos obxectivos estratéxicos da Unión Europea nos ámbitos industrial, tecnolóxico e medioambiental. Segundo sinala, a Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente valorou positivamente todos os aspectos do proxecto GAMA, destacando como “sobresaliente” a súa capacidade para evitar emisións de gases de efecto invernadoiro e cualificando como “notables” o seu grao de innovación, madurez e eficiencia de custos.
Greenfiber asegura que este recoñecemento “refrenda o que dixemos sempre: que GAMA é un proxecto serio, rigoroso, sostible e innovador”, destinado a dar resposta á necesidade do sector téxtil de contar con fibras cen por cento biodegradables e a contribuír á posta en valor do monte galego. A compañía afirma que seguirá explicando o proxecto aos colectivos interesados e traballando para que Galicia sexa “a alternativa de Europa ás fibras téxtiles sintéticas”.