Milleiros de persoas claman contra Altri e a mina de Touro por terra e por mar

Unha mobilización histórica colapsou A Pobra do Caramiñal en defensa do territorio, da auga e do futuro da Galiza
AltriNon
24 Mar 2025

Milleiros de persoas procedentes de toda Galiza colapsaron hoxe A Pobra do Caramiñal por terra e por mar para mostrar o seu rexeitamento á instalación da macrocelulosa de Altri e á mina de cobre de Touro. A mobilización, convocada por máis de 150 colectivos sociais, ecoloxistas, veciñais e do sector primario, converteuse nunha das maiores manifestacións ecolóxicas da historia recente do país.

“Río e ría son o noso pan”, proclamaron no manifesto lido ao final da protesta, que denuncia a complicidade da Xunta coas multinacionais que ameazan os recursos naturais galegos, mentres ignora e despreza ao sector agrogandeiro, pesqueiro, marisqueiro e bateeiro. A protesta tamén recolleu a indignación pola recente Declaración de Impacto Ambiental favorable ao proxecto de Altri, publicada esta mesma semana no DOG.

As persoas participantes criticaron a estratexia da Xunta de favorecer un modelo de industrialización contaminante, excluínte e centrado na explotación masiva do territorio. A mina de Touro e a celulosa de Palas comprometen a calidade das augas do Ulla e da ría de Arousa, poñendo en risco a soberanía alimentaria, o medio ambiente e sectores económicos clave como o marisqueo e o turismo sostible.

“No contexto do cambio climático, a auga é máis valiosa que nunca, e o Goberno galego pretende regalarlle a nosa auga a proxectos contaminantes que benefician a grandes corporacións”, denunciaron. Tamén reclamaron ao Goberno do Estado unha posición clara e firme en contra da mina de Touro e do financiamento público a Altri por parte do Estado ou da Unión Europea.

A mobilización concluíu cunha advertencia: a loita continúa. “Queda percorrido político, institucional e legal, e a sociedade galega está alerta. Non pasarán”, sentenciaron.

⚙ Configurar cookies
0.12244987487793