Milleiros de persoas fan historia cunha foliada masiva en defensa do galego

A Praza do Obradoiro encheuse de música, reivindicación e orgullo pola lingua galega nunha foliada multitudinaria convocada por Queremos Galego con motivo do 17 de maio. Marcos Maceira denunciou a "emerxencia lingüística" e pediu un compromiso real dos poderes públicos.
Foliada
19 May 2025

Miles de galegos e galegas fixeron historia o 17 de maio participando nunha foliada multitudinaria organizada pola plataforma Queremos Galego para celebrar o Día das Letras Galegas. A música tradicional, encabezada polas pandeiretas e as cantareiras, tomou a Praza do Obradoiro nunha xornada festiva e reivindicativa que destacou pola súa alta participación e o seu simbolismo.

No acto, Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, puxo de manifesto a grave "emerxencia lingüística" que sofre o idioma galego. Denunciou as políticas da Xunta de Galicia e do Partido Popular, que segundo o seu criterio buscan expulsar o galego de todos os espazos da vida social. Criticou medidas como o mantemento do decreto que limita o galego no ensino, a nova lei que ameaza a emisión en galego da TVG, e a exclusión da lingua en sectores como a xustiza, sanidade, IA ou os campamentos de verán.

"O galego está vivo a pesar de vostede", dixo dirixíndose a Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e sinalou que é a sociedade galega quen mantén o idioma con vida a través da súa resistencia e organización. Maceira advertiu tamén do risco que corre a lingua entre as novas xeracións, denunciando que o actual modelo educativo fai que un 70% das crianzas deixen de falar galego ao chegar á escola.

A mobilización social, sinalou, é a clave para cambiar o rumbo. "Non nos conseguiron paralizar", afirmou, ao tempo que esixiu un compromiso real dos poderes públicos e o cumprimento dos acordos nacionais e internacionais a favor da lingua galega. Chamou á Xunta a abandonar a súa "belixerancia contra o galego" e a poñerse do lado da sociedade.

Concluíu proclamando que "o futuro só é posíbel cunha lingua viva e vital", e que este 17 de maio será lembrado como un día histórico na loita pola restitución e normalización do galego.

⚙ Configurar cookies
0.11239099502563