Milleiros reclaman en Compostela máis recursos para a sanidade pública

A manifestación convocada por SOS Sanidade Pública ateigou a Praza do Obradoiro para esixir máis recursos na atención primaria e hospitalaria ante os recortes e a privatización promovidos polo PP.
Sanidad BNG
7 Apr 2025

Milleiros de persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para manifestar o seu rexeitamento ás políticas de desmantelamento da sanidade pública postas en marcha polo Partido Popular. A manifestación, convocada por SOS Sanidade Pública, rematou nunha ateigada Praza do Obradoiro desde a que se esixiron os recursos económicos, materiais e humanos necesarios para garantir o dereito á saúde de todas as galegas e galegos.

O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, denunciou que a falta de recursos asistenciais, tanto nos hospitais como na atención primaria, “está a vulnerar o dereito á saúde e a unha asistencia pública e de calidade”. Reclamou que os cartos públicos se dediquen a reforzar a sanidade pública, e non a incrementar os beneficios das empresas privadas.

Durante o acto, leuse un manifesto no que se reclamou máis atención primaria e hospitalaria, centros de saúde accesibles e dotados de persoal, recuperación das áreas sanitarias perdidas e un cambio estratéxico do modelo sanitario. Tamén se denunciou a precariedade laboral, a saturación das listas de espera e a falta de recursos na atención á saúde mental.

⚙ Configurar cookies
0.12871193885803