Miranda alerta en Bruxelas da situación crítica de produtores e consumidores polo aumento dos prezos dos alimentos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou este martes no Parlamento Europeo que o prezo dalgúns produtos alimentarios aumentou até un 35 % en Galicia desde a pandemia, situación que cualificou de “prezos abusivos que afogan ás familias e tamén ás pequenas explotacións”.
Durante o debate sobre os prezos de venda ao público elevados dos alimentos e consecuencias para os consumidores europeos, Miranda reclamou a intervención pública para combater a especulación das grandes cadeas de distribución. “Comer dignamente é un dereito básico, e en Europa hai xa 42 millóns de persoas que non o poden facer”, advertiu.
Segundo datos de Eurostat, só o 12 % da poboación europea consome as cinco racións recomendadas de froitas e verduras ao día, mentres que o 33 % non consume ningunha.
Prezos inxustos no agro galego
Miranda puxo como exemplo a situación do sector lácteo galego, onde os produtores reciben un prezo polo leite inferior á media estatal e europea, a pesar de ser Galicia a principal rexión produtora. “A industria presiona aos gandeiros, ameazando con non recoller o leite, e moitas explotacións pequenas están en risco de desaparecer”, lamentou.
A eurodeputada destacou que os agricultores reciben un 4 % menos polos seus produtos, mentres que a gran distribución incrementou os seus beneficios nun 188 %, e a industria agroalimentaria nun 64 %. “Non é lóxico nin ético que os que producen reciban tan pouco mentres os intermediarios multiplican os seus beneficios”, denunciou.
En resposta a unha pregunta formulada polo eurodeputado portugués João Oliveira, Miranda concluíu que “a intervención pública é necesaria para garantir prezos xustos para quen produce e quen consome. É a única maneira de asegurar o dereito á alimentación e frear o abandono do rural”.