Mobilización en Vilagarcía para esixir solución á escola infantil municipal

Persoal e familias reclaman a licitación ou remunicipalización do servizo e denuncian perdas salariais pola demora na súa resolución.
Escola Infantil
31 Mar 2026

Persoal e familias da Escola Infantil Municipal de Vilagarcía protagonizaron este sábado unha nova mobilización diante do Concello para reclamar unha solución á situación do centro, que pasa pola licitación do servizo ou pola súa remunicipalización.

A concentración, convocada pola CIG, serviu tamén para esixir o pagamento dos salarios deixados de percibir debido á demora no proceso administrativo.

Segundo denuncian desde o sindicato, pasou máis dun ano desde que se fixo pública a situación irregular da escola sen que se produciran avances significativos. Lembran que no pleno municipal do pasado 8 de xaneiro de 2026 aprobouse por unanimidade a celebración dunha reunión cos grupos municipais e o persoal, mais aseguran que, a día de hoxe, non se produciu ningún contacto para convocala.

Ademais, critican que, pese a que o Goberno local anunciara que na primavera estarían listos os pregos para a nova licitación, once semanas despois seguen sen novidades. Por iso, reiteran a necesidade de adoptar unha solución inmediata, ben mediante a remunicipalización do servizo ou coa apertura dun proceso de licitación.

A demora está a ter consecuencias directas sobre as condicións laborais do persoal. A publicación do convenio colectivo en xuño de 2025 estableceu unha dobre escala salarial segundo a data de licitación dos centros, o que provocou perdas de entre 2.800 e 3.200 euros anuais para as traballadoras da escola de Vilagarcía.

Ante esta situación, reclaman que o Concello compense estas perdas salariais desde o 1 de xaneiro de 2025 ata que se resolva a situación do servizo.

Ademais, aproveitan para demandar melloras na xestión do centro, como a ampliación de prazas, horarios máis amplos para facilitar a conciliación, maior estabilidade laboral, incremento do persoal e garantías na prestación do servizo.

Desde o colectivo advirten de que, mentres non se resolva esta situación, continuarán coas mobilizacións mensuais diante do Concello para defender os seus dereitos e a calidade dun servizo público esencial.

0.35577201843262