Mobilizacións o 2 de febreiro para exixir a aprobación inmediata da suba das pensións

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocadas concentracións o vindeiro luns 2 de febreiro nas sete cidades galegas para esixir a aprobación e aplicación inmediata da suba das pensións, logo de que o Congreso rexeitase o decreto que incluía o incremento previsto para este ano 2026.
Desde o colectivo denuncian que esta decisión deixa ás persoas xubiladas e pensionistas “na indefensión”, xa que a revalorización das pensións non está garantida por lei. Por este motivo, reclaman que a actualización das contías sexa automática e calculada conforme ao IPC real interanual, e non ao IPC medio, como se vén aplicando.
As concentracións terán lugar diante das sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou en espazos céntricos das cidades, co seguinte calendario:
A Coruña: 11.00 h, diante do INSS da rúa Félix Estrada Catoira (Catro Camiños)
Ourense: 11.30 h, diante do INSS do Parque de San Lázaro
Ferrol: 12.00 h, diante do INSS da rúa Catalunya
Pontevedra: 11.30 h, diante do INSS da rúa Gagos de Mendoza
Vigo: 11.30 h, diante do Mercado do Calvario (Urzáiz, 183)
Lugo: 11.30 h, diante do INSS da Ronda Xosé Castiñeira
Santiago de Compostela: 12.00 h, diante do INSS da rúa Galeras
O colectivo lembra que leva anos mobilizándose en defensa dun sistema público de pensións digno e garantido, denunciando as reformas que, ao seu xuízo, provocaron a perda de dereitos e de poder adquisitivo, comezando pola reforma de 2011 que atrasou e dificultou o acceso á xubilación.
Advirten de que, ao non existir unha garantía legal da revalorización automática, as pensións convértense “nunha moeda de cambio no xogo político”, permitindo que por segundo ano consecutivo se tumbe no Congreso o decreto que recollía a suba anual. “Xa era insuficiente, pero agora nin sequera se vai aplicar”, lamentan.
Desde o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG aseguran que non van quedar en silencio nin aceptar que se negocie cos seus dereitos. “Non imos permitir que se mercadee coas nosas pensións nin que se utilicen como arma política”, sinalan, ao tempo que anuncian que continuarán mobilizándose as veces que sexa necesario para defender a dignidade de centos de miles de persoas.