Mondra lanza DE RONDA, un disco que explora os estados do corpo desde a sedución ata o amor propio

Mondra publica hoxe DE RONDA, o seu segundo álbum de estudio, xa dispoñible nas principais plataformas dixitais da man de Altafonte. O disco, producido por Hevi (Laboratorio Soyuz), propón once cancións ou “estados do corpo” que percorren desde o desexo e o impulso sexual ata a ruptura e a aceptación, sempre cunha forte conexión coa tradición oral galega.
O artista compostelán presenta un traballo íntimo, pero tamén irreverente, no que se mesturan sonoridades orgánicas e contemporáneas con letras que transitan o amor propio, a mocidade, a comunidade e unha visión crítica do sistema.
Entre os temas destacan vale máis un canciño, férveme o cú, teño caldo quente ou ventilar o cuarto, este último cunha colaboración especial de Antía Ameixeiras. O disco acompáñase dun proxecto audiovisual formado por once pezas que poden verse na canle de VEVO do artista.
Concertos en Capitol
O disco presentarase en directo esta fin de semana na Sala Capitol de Santiago. Dada a alta demanda, Mondra engadiu unha segunda data ao seu espectáculo dirixido por Daniel Rodríguez. Actuará o venres 9 e o sábado 10 de maio acompañado da súa banda e de intérpretes de danza. Aínda quedan entradas dispoñibles para o venres en salacapitol.com desde 18 euros.