Mondra lanza por te ver, o terceiro adianto do disco DE RONDA

Mondra presentará este venres 11 de abril por te ver, o terceiro adianto do seu novo álbum DE RONDA, que se publicará o vindeiro 6 de maio. O tema estará dispoñible desde as 00.00 h nas plataformas dixitais e tamén contará cun videoclip que se poderá ver na canle oficial de VEVO.
Segundo o propio artista, por te ver representa “un estado de impulso e de desexo incontrolable do que un quere escapar; unha disputa entre a moral e a toxicidade nos amores”. Esta atmosfera reflíctese na instrumentación, a cargo de Andrés Real ao contrabaixo, Lucas de Centi ao vibráfono e Julia Sánchez-Biezma á percusión.
O tema forma parte das once cancións ou “estados do corpo” que compoñen o disco DE RONDA, centrado na sedución desde múltiples perspectivas. Mondra destaca que este adianto resume “a filosofía e o espírito musical e conceptual” do álbum, cun son orgánico e contemporáneo grazas á produción do Hevi (Laboratorio Soyuz).
O videoclip foi codirixido por Zeltia Iglesias —responsable da dirección creativa global do proxecto— e o propio artista, co apoio do estudo elmembrillo na produción. A dirección de movemento correu a cargo do coreógrafo Daniel Rodríguez. Trátase dunha das pezas audiovisuais que acompañan cada tema do disco.
Ademais, tras esgotar as entradas para a estrea de DE RONDA o sábado 10 de maio na Sala Capitol, Mondra anunciou unha segunda data o venres 9 de maio no mesmo espazo. No escenario estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez, Saínza Piñeiro, Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, e contará tamén con artistas convidadas.
Mondra é un dos nomes máis recoñecidos da música galega actual. O seu disco debut ARDĒN (2023) colleitou recoñecementos como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 ou o Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por MARIMONDRA.