Monforte e A Coruña enfrontaranse este domingo na final do Campionato Galego Feminino de Voleibol Cadete na Pinguela

Monforte de Lemos será escenario este sábado, 18 de abril, da Final do Campionato Galego Feminino de Voleibol na categoría cadete, que se disputará no Pavillón Municipal da Pinguela con partidos desde as 10.00 horas e final prevista para as 18.30 horas.
A cita foi presentada este mércores en rolda de prensa pola tenente alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, acompañados polo director de competicións da Federación Galega de Voleibol, Mateo Fernández, o director técnico do Club Voleibol Ribeira Sacra, Manolo Martínez, e a responsable do equipo cadete, Yoraxi Meleán.
Durante a presentación, as autoridades locais destacaron a importancia de que a cidade volva acoller unha competición autonómica deste nivel, lembrando que xa foi sede recentemente das finais xuvenís. Neste sentido, Gloria Prada sinalou que “Monforte non só é unha referencia no voleibol de Galicia polos seus xogadores e xogadoras, tal e como o teñen demostrado ao longo das últimas décadas, senón tamén polo importante seguimento que este deporte ten a nivel de público”.
A fase final enfrontará catro equipos: dous con representación local, o CV Ribeira Sacra e o CD Korbis, e dous procedentes da Coruña, o Liceo La Paz e o Cidade A Coruña. O torneo desenvolverase nun formato de semifinais pola mañá, ás 10.00 e 12.00 horas, seguidas do encontro polo terceiro e cuarto posto ás 16.30 horas e a final ás 18.30 horas. A xornada concluirá coa entrega de trofeos e medallas.
“Temos moi claro que o deporte base debe ser unha prioridade dentro das políticas en materia deportiva, e por iso estamos sempre abertos a colaboracións cos clubs e con eventos deportivos tanto no deporte base como no profesional”, subliñou Prada, que animou á cidadanía a achegarse ao pavillón para presenciar un “auténtico espectáculo deportivo”, no que se decidirá o campión galego e o equipo que obterá praza para o Campionato de España de Clubs.
Desde a Federación Galega de Voleibol e o Club Voleibol Ribeira Sacra agradeceron a “colaboración fundamental” do Concello de Monforte para a organización desta final nunhas instalacións que cualificaron de “primeiro nivel”.