Monterroso e Antas de Ulla acollerán a segunda etapa da Volta Galicia BTT

A proba, incluída no calendario UCI de categoría S2 BTT Maratón, terá saída e meta na Cúpula de Monterroso e percorrerá 58 quilómetros con catro portos e 1.400 metros de desnivel positivo
Volta-Galicia-BTT-26
28 Aug 2026

Monterroso e Antas de Ulla serán escenario o vindeiro venres, 4 de setembro, da segunda etapa da Volta Galicia BTT, unha competición que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A xornada terá saída e chegada na Cúpula de Monterroso e contará cun percorrido de 58 quilómetros polos dous municipios.

O trazado incluirá catro portos: Monte Cabezas, Coto Redondo, Monte Farelo e Monte da Facha. En total, a etapa acumulará 1.400 metros de desnivel positivo, configurando un percorrido esixente para os participantes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou esta mañá na presentación da etapa e destacou o compromiso da institución provincial coa promoción do ciclismo. Segundo explicou, o apoio á competición responde á "aposta que a Vicepresidencia da Deputación ven facendo polo ciclismo como ferramenta de promoción do deporte e do territorio".

Castro tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polo Club Ciclista San Miguel de Monterroso, que colabora na organización desta etapa achegando a experiencia acumulada durante estes anos coa celebración do Desafío San Miguel. O vicepresidente salientou así a súa "labor de promoción do ciclismo" e a súa contribución á organización da proba.

A Volta Galicia BTT forma parte do calendario UCI na categoría S2 BTT Maratón e reunirá ciclistas das categorías Elite, Sub-23 e Master, tanto femininas como masculinas. A competición estará formada por catro etapas repartidas entre as provincias de Lugo e Ourense e a comarca do Deza.

A primeira etapa disputarase en Lalín como unha contrarreloxo urbana, na véspera da chegada da competición á provincia de Lugo. Tras a etapa de Monterroso e Antas de Ulla, a carreira continuará o sábado 5 de setembro cunha etapa en liña con base en Piñor, en Ourense.

A Volta Galicia BTT pechará a súa edición o domingo 6 de setembro cunha última etapa pola comarca do Deza, con Lalín como punto de referencia.

0.22639513015747