Monterroso reunirá a especialistas nunha xornada técnica sobre o futuro da castañicultura galega

O Grupo Operativo GO YesWeCast organiza o 24 de xullo un encontro gratuíto centrado na produción de planta, a innovación e a adaptación do sector aos novos retos
castaños-recurso
18 Jul 2026

O Centro Social de Monterroso acollerá o vindeiro 24 de xullo, a partir das 9:00 horas, unha xornada técnica organizada polo Grupo Operativo GO YesWeCast, un grupo de cooperación creado para desenvolver un proxecto de innovación específico no ámbito da castañicultura.

O encontro abordará o presente e o futuro deste cultivo en Galicia, facendo especial fincapé nas novas necesidades de produción de planta e na importancia da caracterización xenética das variedades e dos portaenxertos.

A actividade, gratuíta e aberta ao público, está dirixida tanto a produtores, agricultores e viveiristas como a persoal técnico relacionado coa xestión de explotacións e montes. A participación require inscrición previa mediante un formulario que permanecerá dispoñible ata o 22 de xullo ás 23:00 horas.

Na xornada participarán especialistas da Fundación Cesefor, Alibós Galicia, Grupo Tragsa e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, que analizarán a situación actual do sector, os desafíos derivados do cambio climático e das enfermidades, así como as solucións que ofrecen a innovación en viveiro e a mellora xenética.

A programación comezará entre as 9:00 e as 9:30 horas coa recepción e acreditación dos asistentes, seguida da apertura institucional, prevista para as 9:30 horas, na que participará un representante autonómico de Alibós Galicia.

Ás 9:45 horas presentarase o proxecto GO YesWeCast da man da Fundación Cesefor. Posteriormente, ás 10:00 horas, representantes da IXP Castaña de Galicia ofrecerán unha análise da situación actual do sector do castiñeiro en Galicia.

A continuación, o Grupo Tragsa impartirá dúas ponencias consecutivas: ás 10:30 horas abordará a necesidade de contar con planta certificada de calidade, facendo fincapé na sanidade vexetal e na trazabilidade, e ás 10:45 horas explicará as novas tecnoloxías de produción de planta en viveiro, entre elas a micropropagación.

Tras unha pausa para café e networking entre as 11:00 e as 11:30 horas, a programación retomarase cun relatorio de Alibós Galicia sobre a xestión das explotacións e as variedades con maior demanda no mercado. Ás 12:00 horas, a Fundación Cesefor explicará os avances no xenotipado e na caracterización varietal do castiñeiro.

A xornada continuará cunha mesa redonda e quenda de preguntas, prevista entre as 12:15 e as 12:45 horas, e finalizará cunha visita técnica a unha explotación ecolóxica de castiñeiros, organizada por Alibós Galicia, na que os asistentes poderán coñecer sobre o terreo distintas técnicas de xestión e manexo do cultivo.

0.32585310935974