Monterroso: Ruta do Románico na natureza

Percorrido circular que comeza na igrexa de San Miguel de Esporiz e pasa por varias xoias arquitectónicas do pasado
sanlourenzo1 portada
10 May 2026

E sta ruta que percorre o termo municipal de Monterroso dá comezo na igrexa de San Miguel de Esporiz, unha igrexa que pertence á segunda metade do século XII e é de estilo románico aínda que foi reformada no século XVI. Conta cunha nave rectangular e unha ábsida cadrada.

A porta principal, un dos elementos máis elaborados da igrexa, é de medio punto con arquivoltas interiores e decoración de arcos e bandas no exterior. Tamén conta con dúas ordes de columnas e fustes estriados e os capiteis están decorados con formas zoomorfas e vexetais. Dende a igrexa hai que tomar dirección nordés e saíndo de Esporiz xirar á esquerda dirección a Cariza, onde comeza o ascenso.

En Cariza atópase unha fonte entre carballos e un lavadoiro que dan mostra da riqueza do patrimonio etnográfico da zona. A continuación encóntrase a Pena da Chousa Nova, no monte da Cariza e seguidamente hai que baixar a costa da Fontela ata chegar á estrada LU-221 que hai que cruzar para chegar a Bidouredo. Cara o final da vila haberá que xirar á dereita para ascender ata a igrexa de Bidouredo, unha igrexa románica construída na segunda metade do século XII. Cunha nave e ábsida rectangular, a portada occidental é a parte máis interesante do conxunto. Conta con casetóns na arquivolta de medio punto, dúas ordes de columnas con capiteis decorados e un tímpano alintelado sobre mochetas.

Seguindo o camiño atópase novamente a estrada LU-221 onde haberá que xirar á esquerda e avanzar 170 metros ata chegar ao desvío da Moreira á dereita para continuar cara ó norte polo monte da Rega cunha gran beleza natural. Despois de tres quilómetros está San Lourenzo cun templo románico que é o máis antigo do municipio, que data de 1127. Ten unha nave en cruz latina e conta cunha ábsida rectangular e sacristía pegada. Os retablos que se conservan nas capelas laterais son de estilo neoclásico.

Pola parte traseira da capela e xirando á esquerda continúase dirección leste uns 765 metros ata chegar a igrexa de Santa María de Pedraza. Esta igrexa conta con restos da estrutura románica aínda que foi reedificada no século XIX. Cunha planta en cruz latina conta cunha portada alintelada e varios canzorros pertencentes a obra románica. No seu interior destacan dous retablos laterais de estilo neoclásico.

A ruta continúa por un sendeiro situado detrás da igrexa no que hai que coller á man dereita ata chegar a un cruce onde se volve coller á dereita. Neste tramo de tres quilómetros pódese desfrutar dunha gran paisaxe natural con bidueiros, carballos e algún regato ata chegar a Podente. Unha vez pasado Podente é necesario coller o primeiro desvío a man dereita para chegar novamente a Esporiz.

O Pazo de Podente, que non queda na mesma ruta, pódese desfrutar cun pequeno desvío de 500 metros. É un edificio de construción barroca con planta en L edificado en granito. O pazo conserva íntegra a cociña.

0.29244995117188