Montserrat Mulet, alcaldesa de Paradela: “O meu obxectivo é conseguir a Alcaldía como candidata”

A rexedora do municipio leva ligada á política municipal 35 anos, pero só case dous á fronte do Concello de Paradela, esperando poder seguir nese camiño
Alcaldesa-Paradela-Montserrat-Mulet
10 Oct 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Comecei na política no ano 1991, como concelleira do PP no Concello de Paradela. Eu comezara a traballar como médica no ano 1989 e foi entón cando me propuxeron formar parte daquela candidatura de 1991. Xa nas sobremesas da miña casa, á miña avoa encantáballe falar de política e a min aquelas conversas sempre me atraeron moito e lémbroas con moito cariño.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Desde o ano 1991 fun concelleira, excepto do ano 1999 ao 2003, e estiven como concelleira ata xaneiro de 2024, cando asumín a Alcaldía tras decidir o alcalde electo, don José Manuel Mato Díaz, alcalde decano da provincia de Lugo, presentarse ao Parlamento de Galicia. Como en Galicia se esixe que, se es alcalde, non poidas optar a ser parlamentario da comunidade autónoma, presentou a súa dimisión e acordouse que eu asumise as funcións da Alcaldía. Celebrouse o pleno de nomeamento e desde o 19 de xaneiro de 2024 estou aquí.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Estar na política é unha decisión libre, ninguén cho impón. A miña profesión xa é vocacional e a política enténdoa da mesma maneira. Para min ten que gustarte e tes que estar disposta a que hai cousas que tes que sacrificar. Gústame o servizo público e estar coa xente. E, desde logo, desde os concellos pequenos é onde máis proximidade se ten coa xente e onde a política é máis próxima. Eu enténdoa así.

 

E beneficios?

O que quero é poder contribuír a mellorar a calidade de vida dos veciños de Paradela e intentar dar solución aos problemas que se van formulando ou xurdindo no día a día, aínda que ás veces non se pode solucionar todo. Non existe unha solución para todos os problemas, pero polo menos inténtase. Escoitas as persoas e eu creo que esa é unha das vantaxes que temos nos concellos pequenos: a proximidade, que sempre poden acudir a ti en calquera momento, chamarte en calquera momento e falar contigo. Nos concellos pequenos, os alcaldes somos unha figura moi accesible. Polo menos eu considérome accesible, xa non só pola profesión, senón pola proximidade. Saben onde me poden localizar e onde estou.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Todo isto é posible co apoio incondicional que me presta a miña familia e coa colaboración dos meus compañeiros de corporación. Sen eles sería moi difícil poder compaxinar a miña profesión de médica e a Alcaldía. Apoiámonos todos. A eles tamén a xente lles pide, lles demanda cousas que me transmiten e, aínda que son eu a que tomo as decisións finais, sempre falamos todo en equipo. Tes que ter persoas que sexan da túa confianza, que é o equipo co que estamos no Concello de Paradela, e con eles tomamos as decisións que son oportunas.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Os meus obxectivos a nivel político son, primeiro, presentarme ás eleccións municipais do 23 de maio de 2027 e conseguir a Alcaldía de Paradela, se os veciños e as veciñas me outorgan a súa confianza, por suposto. Ademais, afrontaría esas eleccións sendo eu a candidata. Nas veces anteriores sempre ía arroupada nunha lista, pero o candidato era outra persoa, era José Manuel Mato. Neste caso, gustaríame afrontar o reto. E o segundo obxectivo é estar onde poida ser útil ao Partido Popular. Onde crean que podo axudar, aí estarei apoiando..

E, se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

As prioridades seguen sendo sempre a mellora das infraestruturas, sobre todo das vías locais e intermunicipais, para non illarnos, porque, para non estar illados, temos que estar ben comunicados. Iso é primordial. Despois, seguir desenvolvendo o polígono industrial, potenciando a incorporación de máis empresas, o apoio ás políticas sociais, o apoio á vivenda e, por suposto, o apoio ao sector agrogandeiro, que é o principal piar deste concello. Por suposto, seguir apostando polas enerxías renovables e polas novas tecnoloxías. Ademais, seguir potenciando o turismo. O ano que vén é o Xacobeo de 2027 e temos proxectos para seguir avanzando nese sentido. E, sobre todo, seguir coidando da paisaxe que temos, que é preciosa. Agardemos que por fin poidamos contar coas famosas pasarelas neste 2027 e ter esa ruta do Loio a plena disposición da xente, que é un dos nosos atractivos do concello. Estas, ademais, son as liñas principais do noso programa.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

As necesidades que temos están relacionadas coa Deputación, que a nós obviounos. Dános o que marca o Plan Único e, fóra de aí, foise contes tando que non, que non, que non. E iso que temos aquí un deputado provincial que non loitou polos intereses deste concello.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

O impulso da conciliación familiar. Tiñamos un servizo de madrugadores e nós ampliamos nesta lexislatura, desde que estou na Alcaldía, o servizo de conciliación polas tardes, que se creou novo. Ampliamos o horario e a duración do campamento de verán, de un a dous meses e tamén o horario para deixar os nenos no campamento. Antes era de 10:00 a 13:00 horas e pasamos de 9:30 a 14:00 horas. E as trinta prazas este ano estiveron cubertas. Para min, o importante é estar coas persoas e un dos principais retos no rural é a conciliación familiar, que é complicada porque os medios dos que dispoñemos nos concellos pequenos están máis limitados. Poñer en marcha un servizo de conciliación supón un desembolso, pero se ti ás familias lles ofreces postos de traballo, vivenda e conciliación, eu creo que no rural somos capaces de traer e asentar poboación. Tamén temos o programa de Redes que Coidan para as persoas maiores, que se vai desenvolver ata finais de 2027. E volvemos contar tamén cun obradoiro de emprego, que levabamos máis de vinte anos sen ter. Ademais, o polígono industrial xa conta coa súa primeira empresa fóra da nave que se creou do viveiro de empresas do concello e que, en principio, vai achegar dezaoito postos de traballo. Co cal, eu creo que algo fixemos a maiores do que tiñamos pensado no programa, é dicir, algo que desde que me incorporei á Alcaldía xa fixemos.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Eu creo que me consideran unha persoa próxima. Levo aquí desde o ano 1989 e síntome unha máis deles.

Como é a súa relación coa oposición?

Como dicía Felipe González, sen acritude.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

62, viúva e dúas fillas

-Profesión e formación

Medico de atención primaria y licenciada en medicina

-E se non fose que lle gustaría ser?

Arqueóloga

-Que quería ser de maior

Médico

-Que fai para desconectar?

Lendo, indo ao cine, encaixe de bolillos

-Unha virtude e un defecto

Son ordenada e a sinceridade

-Un consello para compartir

Vive e deixa vivir

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘Filomeno, a mi pesar’, de Gonzalo Torrente Ballester; ‘Con faldas y a lo loco’; e Dire Straits e Diana Navarro

-Unha afección

Esquiar e nadar

-Un lugar que visitar

As pirámides de Exipto

-Unha comida e unha bebida

Xamón e Mencía

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

A miña nai por apoiarnos sempre e o meu pai pola cultura de traballo e o esforzo

-Unha posesión preciada

A liberdade

-Un desexo

Poder seguir traballando

-Algo para esquecer

Dos erros que se cometen sempre se aprende

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A lealdade

-Un desafío pendente.

Tocar a batería

-Onde se ve en cinco anos?

A vida ensinoume que non debo facer plans a longo prazo, vivo o día a día

quesito eleccions paradela 2019-2023
0.33259701728821