Mostrart volverá reunir en agosto a máis de 65 artesáns na súa 42ª edición nos Xardíns de Méndez Núñez

A feira desenvolverase do 1 ao 30 de agosto na Coruña con 45 casetas, obradoiros gratuítos, visitas guiadas e a participación de profesionais de Galicia e doutras comunidades autónomas
mostrart-2026
24 Jul 2026

A Coruña acollerá do 1 ao 30 de agosto a 42ª edición de Mostrart, a feira de artesanía organizada pola Asociación Galega de Artesáns, que volverá converter os Xardíns de Méndez Núñez nun punto de encontro para profesionais do sector e público durante todo o mes. A cita reunirá a máis de 65 artesáns distribuídos en 45 casetas e completarase cun programa de actividades gratuítas dirixidas a persoas de todas as idades.

A feira ofrecerá unha ampla representación da artesanía contemporánea, con pezas elaboradas por obradoiros de diferentes especialidades que combinan tradición, innovación e deseño. Dos participantes, 56 proceden de Galicia e outros 12 de distintas comunidades autónomas, unha presenza que, segundo a organización, reforza tanto o peso da artesanía galega como a capacidade de Mostrart para atraer profesionais doutros territorios.

A inauguración oficial terá lugar o 1 de agosto ás 12:00 horas cun percorrido polas casetas no que participarán a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto a outras autoridades. O presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín, exercerá como mestre de cerimonia.

Entre as actividades previstas figura unha nova edición de Oficios ao Sol, un programa de obradoiros participativos e gratuítos que se desenvolverán de luns a xoves ao longo de agosto. As persoas asistentes poderán coñecer distintas técnicas artesás da man de profesionais do sector e participar en actividades prácticas. A inscrición realizarase na caseta de información da feira ata completar as prazas dispoñibles.

Mostrart volverá ofrecer tamén visitas guiadas gratuítas despois da boa acollida da edición anterior. Desenvolveranse todos os venres de agosto, con dous pases diarios ás 11:30 e ás 18:00 horas. Durante un percorrido duns 90 minutos, grupos reducidos poderán descubrir os distintos oficios presentes na feira, os materiais empregados e a traxectoria das persoas artesás participantes. As inscricións tamén se formalizarán na caseta de información.

A edición deste ano reforza ademais a colaboración entre Mostrart e o festival Viñetas desde o Atlántico, mediante a presenza de pezas de artesanía nas exposicións instaladas no Kiosco Alfonso e na sala Casares Quiroga.

A imaxe oficial da feira leva a sinatura da ilustradora coruñesa Inés Vázquez, autora do cartel de Mostrart 2026. A artista participa ademais na exposición “Elas son fantásticas”, que poderá visitarse na sala Salvador de Madariaga e na que se mostra o proceso creativo que deu lugar á ilustración da presente edición.

Mostrart está organizada pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración co Concello da Coruña e conta co apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia, da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

0.32168388366699