Movemento Sumar Galicia asegura que Galicia recibiría sete veces máis investimento co novo Fondo de Compensación Interterritorial

Movemento Sumar Galicia defendeu a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Goberno de coalición como un avance decisivo para garantir máis recursos, maior autonomía financeira e máis xustiza territorial, fronte a doce anos de bloqueo por parte do Partido Popular.
Desde a organización lembran que o actual sistema leva caducado desde o ano 2014 e que o PP, malia dispoñer de catro anos de maioría absoluta no Estado, foi incapaz de impulsar ningunha reforma. A proposta actual, sinalan, mellora de forma significativa a suficiencia financeira das comunidades autónomas do réxime común e afronta os graves problemas de infrafinanciación que sofren moitos territorios.
A reforma suporía unha achega adicional de 21.000 millóns de euros ao sistema de financiamento autonómico, orientada especialmente ás comunidades con menores niveis de ingresos. Neste contexto, Movemento Sumar Galicia pon o foco no reforzo do Fondo de Compensación Interterritorial, unha ferramenta clave para corrixir os desequilibrios territoriais e financiar investimentos nos territorios infrafinanciados.
Segundo explican, mentres nos orzamentos prorrogados este fondo conta con apenas 432 millóns de euros —dos cales Galicia recibe só 39 millóns—, a nova proposta elévao ata os 3.300 millóns de euros, permitindo que Galicia pase a recibir arredor de 300 millóns. Isto suporía multiplicar por sete os recursos destinados á compensación territorial no país.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, asegurou que “Galicia recibiría sete veces máis financiamento a través do Fondo de Compensación Interterritorial cos novos orzamentos, unha proposta que defende claramente os intereses da maioría social galega”. López subliñou que esta é unha reivindicación que a organización leva defendendo desde hai tempo “fronte ao abandono sistemático ao que o PP someteu a Galicia”.
Movemento Sumar Galicia cargou tamén con dureza contra o Partido Popular e, en particular, contra o Goberno da Xunta, ao que acusa de antepoñer a confrontación partidista co Goberno do Estado aos intereses do país. “O PP prefire castigar Galicia antes que recoñecer que esta reforma é positiva”, afirmou López, cualificando a actitude da dereita de “irresponsable e sectaria”.
A organización considera ademais que esta reforma debe servir para avanzar na eliminación do dumping fiscal, poñendo fin ás políticas de beneficios fiscais ás rendas máis altas impulsadas polos gobernos da dereita. Neste sentido, defenden estender a todas as figuras tributarias que gravan a riqueza medidas semellantes ás xa aplicadas co Imposto de Solidariedade ás Grandes Fortunas.