Movemento Sumar Galicia presenta propostas para unha reforma máis xusta do financiamento autonómico

Movemento Sumar Galicia valora positivamente a reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Ministerio de Facenda, aínda que propón melloras para garantir unha maior equidade territorial e reforzar os servizos públicos.
Sumar Galicia
16 Jan 2026

Movemento Sumar Galicia valora positivamente a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Ministerio de Facenda, ao considerar que supón un avance na suficiencia de recursos e na equidade entre comunidades autónomas.

A formación subliña que o texto abre agora un proceso de debate multilateral e de negociacións bilaterais con cada comunidade, co obxectivo de acadar o maior consenso posible antes da súa aprobación definitiva no Congreso dos Deputados.

Segundo Movemento Sumar Galicia, o novo sistema contará con recursos adicionais a partir de 2027, o que permitirá mellorar servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou as políticas de vivenda. Neste sentido, sinalan que incrementar o financiamento non significa “dar máis cartos aos gobernos autonómicos”, senón responder á demanda cidadá de servizos públicos de calidade.

A proposta tamén avanza na equidade territorial, ao reducir de forma significativa a diferenza entre a comunidade mellor e peor financiada. Con todo, a organización considera necesario dar un paso máis cara á nivelación completa, garantindo que ningunha comunidade quede por baixo da media de ingresos por habitante axustado. Segundo indican, a aplicación desta medida sería asumible desde o punto de vista financeiro e consolidaría un sistema máis xusto.

Fronte á negativa da Xunta e do PP a apoiar o plan, que mellora sensiblemente o modelo vixente e que nunca quixeron reformar, Movemento Sumar Galicia defende que a proposta é mellorable e presenta achegas concretas para avanzar cara a un financiamento moderno, capaz de soster os servizos públicos que merece Galicia.

Entre as súas propostas destacan tamén mecanismos para impedir o dumping fiscal practicado por comunidades con maior capacidade económica, especialmente no ámbito das grandes fortunas e das herdanzas, así como a revisión dos criterios de ponderación da poboación axustada, fundamentais para garantir recursos suficientes en territorios con poboación dispersa como Galicia.

Finalmente, a organización lembra a necesidade de abordar tamén a reforma do financiamento local, garantindo a suficiencia financeira dos concellos e un marco de coordinación interadministrativa que teña en conta as necesidades específicas dos municipios pequenos e medianos.

⚙ Configurar cookies
0.36013197898865