Muras acollerá o Gran Premio Ciclista Concello de Muras, puntuable para o Campionato de Galicia

O Gran Premio Ciclista Concello de Muras celebrarase o sábado 19 de setembro nun circuíto de 18,9 quilómetros que terá saída e meta diante da casa consistorial e percorrerá o Porto da Gañidoira, situado a 699 metros de altitude. A proba forma parte do Campionato de Galicia de ciclismo en estrada e contará coa participación das categorías femininas e das categorías cadete e infantil masculinas.
O percorrido presentarase como un dos principais atractivos da competición pola súa esixencia e polo paso por unha contorna marcada pola Serra do Xistral. O circuíto será estático e permitirá aos participantes afrontar un trazado con presenza destacada de zonas de ascenso.
As inscricións, reservadas a deportistas federados, permanecerán abertas ata o mércores 16 de setembro.
A presentación do Gran Premio tivo lugar na mañá deste xoves na praza da Galeguidade de Muras e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; do alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e de representantes do Club Ciclista Viveiro, entidade vinculada á organización da proba.
Durante o acto, Efrén Castro destacou os dous principais atractivos da competición: "por unha parte é un trazado moi interesante para os corredores, dada a súa esixencia, e por outra pon en valor a contorna tan especial do concello de Muras e a Serra do Xistral".