Muros paraliza as obras nos cantís de Punta Abelleira tras a denuncia de ADEGA

A organización ecoloxista sinala que as obras alteraron de forma significativa a morfoloxía da zona, removeron fondos mariños e provocaron o arrastre de sedimentos cara ao mar
sedimentos-cantis-muros-adega
23 Sep 2026

O Concello de Muros comunicou a paralización cautelar das obras executadas na zona intermareal de Punta Abelleira despois da denuncia presentada por ADEGA, ao considerar que os traballos non contaban coas autorizacións pertinentes. A asociación ecoloxista alertara o pasado 11 de setembro da presenza de maquinaria pesada sobre os cantís, en zona de dominio público marítimo-terrestre, para realizar escavacións que aparentaban estar destinadas á apertura de gabias para a instalación de tubaxes de captación de auga de mar e de vertedura cara á ría de Muros-Noia desde unha planta auxiliar de acuicultura.

Segundo ADEGA, os traballos comezaron na noite do 10 de setembro e continuaron ao día seguinte. Nese período, executouse e cimentouse unha das gabias, situada ao oeste da planta e con saída cara á enseada de Bornalle, mentres que tamén se iniciou a construción doutra no lado sur, destinada á captación de auga.

A organización ecoloxista sinala que as obras, que atribúe presuntamente a Mariscos Antón e Hijos S.L., alteraron de forma significativa a morfoloxía dos cantís litorais, removeron fondos mariños e provocaron o arrastre de sedimentos cara ao mar, o que ocasionou turbidez na auga.

ADEGA advirte de que a modificación dos perfís rochosos da costa pode afectar gravemente a paisaxe litoral e acelerar a erosión dos cantís, especialmente vulnerables aos cambios. Tamén alerta de que as verteduras procedentes da planta depuradora de moluscos poderían constituír un foco de contaminación para a ría se o seu impacto non é avaliado adecuadamente.

A asociación lembra ademais que as actuacións na zona de dominio público marítimo-terrestre de Punta Abelleira poderían afectar directa ou indirectamente varios espazos naturais protexidos da contorna da ría de Muros e Noia, entre eles a ZEC Monte e Lagoa de Louro, a ZEC Esteiro do Tambre e outras zonas de interese ambiental.

A poucos metros da planta auxiliar de acuicultura, propiedade da promotora das obras, tamén se atopa o Humidal da Rateira, unha lagoa intermareal incluída no Inventario de Zonas Humidas de Galicia e área de distribución potencial da píllara das dunas, unha especie catalogada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e especialmente sensible á alteración do seu hábitat.

Por este motivo, ADEGA considera que calquera intervención na franxa litoral de Punta Abelleira, tanto a modificación do perfil costeiro como a captación e vertedura de augas ao medio mariño, debería ser sometida a unha rigorosa avaliación de impacto ambiental debido ao seu potencial efecto sobre os espazos naturais protexidos e os obxectivos de conservación da contorna.

A asociación sinala tamén que, segundo a documentación remitida polo Concello de Muros, as obras presentan outras posibles irregularidades. Entre elas estaría a execución de gabias que non figuraban no proxecto técnico presentado ante o Concello, así como a modificación dos trazados das tubaxes inicialmente previstos e a incorporación de novos elementos construtivos.

ADEGA denuncia ademais o incumprimento dos requirimentos de Costas e da Xunta relativos á instalación de barreiras anticontaminación para evitar o enlodamento das augas mariñas. Segundo a organización, os traballos tamén se realizaron unha vez vencida a vixencia do permiso de vertedura de Augas de Galicia para poder depositar na enseada de Bornalle as augas procedentes da depuradora.

O Concello de Muros tamén puxo en dúbida a legalidade de dúas tubaxes situadas nos cantís, nos lados sur e oeste, que verten auga directamente sobre as rochas e cuxa procedencia se descoñece.

ADEGA reclama agora ao Concello de Muros que, ademais de manter a paralización cautelar das obras e iniciar un expediente de reparación da legalidade, tramite a apertura do correspondente expediente sancionador e impoña unha multa aos responsables dos traballos. A asociación considera que unha parte importante dos danos ocasionados xa é irreversible.

Ao mesmo tempo, a organización insta a Xunta de Galicia e a Costas do Estado a iniciar os seus propios expedientes sancionadores e a someter ao procedemento administrativo de avaliación de impacto ambiental o proxecto de captación de auga e vertedura ao mar da planta depuradora de Mariscos Antón e Hijos S.L. en Punta Abelleira, no concello de Muros.

0.3425931930542