Nace a Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base con doce entidades fundadoras

A nova entidade buscará fortalecer o baloncesto de formación na provincia e representar os intereses dos clubs ante institucións e organismos deportivos
dep-baloncesto
4 Jul 2026

A cidade de Ourense acolleu esta semana a constitución oficial da Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base (AOCBB), unha nova entidade que nace co obxectivo de impulsar o baloncesto de formación na provincia e defender os intereses dos clubs adscritos á Delegación Zonal de Ourense da Federación Galega de Baloncesto.

A reunión fundacional celebrouse na Sala de Xuntas das Federacións, situada no barrio do Couto, e contou coa convocatoria de todos os clubs de baloncesto base da provincia. Tras dúas horas de exposición dos obxectivos da asociación e dos seus estatutos por parte dos clubs promotores, así como dun debate entre as distintas entidades asistentes, un total de doce clubs decidiron adherirse ao proxecto e asinar a Acta Fundacional e os Estatutos da nova organización.

As entidades que forman parte da asociación son o CBF Barco, EDO Blanco Amor, AD Bosco, CB Burgas, Carmelitas, BXL Celanova, CB Depordima, CB Val de Lemos, Club Maristas, CD María Trinidad Miraflores, CB Xuventude Verín e AB Xinzo. Desde a AOCBB sinalan que o resto dos clubs da delegación poderán incorporarse á asociación cando o consideren oportuno.

A nova entidade estará gobernada pola súa Asemblea Xeral, na que cada club contará cun voto. Pola súa banda, a Xunta Directiva terá unha función principalmente representativa ante as distintas institucións e organismos, e renovarase ao remate de cada tempada deportiva, durante o mes de xullo.

Entre os principais obxectivos da asociación figura o fortalecemento do baloncesto base no ámbito da Delegación Zonal de Ourense, a promoción dunha relación de respecto e colaboración entre os clubs asociados e a representación conxunta das entidades ante a Federación Galega de Baloncesto, as administracións públicas e outras organizacións.

A asociación tamén traballará para defender os dereitos dos clubs e dos seus integrantes, reclamar melloras económicas e de infraestruturas deportivas, promover o baloncesto de base na provincia e organizar actividades e eventos orientados á formación de xogadores, xogadoras, adestradores e adestradoras.

Como primeira actuación institucional, a Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base manterá este martes, 7 de xullo, a súa primeira reunión oficial co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, nun encontro no que se abordarán os retos e necesidades do baloncesto formativo na provincia de Ourense.

0.29518890380859