Nace Benseguro: un proxecto pioneiro para loitar contra a sinistralidade na construción en Galicia

A iniciativa, chamada Benseguro, preséntase como un proxecto paritario e froito do diálogo social, que contará cun equipo técnico especializado encargado de percorrer Galicia para ofrecer solucións de seguridade directamente nas obras de construción.
Na presentación, Alejandra Gesto Montes, vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral e secretaria xeral de CCOO-Hábitat, destacou que este proxecto “nace da reflexión e da procura conxunta de solucións ante unha das maiores preocupacións do sector: os accidentes laborais”.
A sindicalista puxo en valor o papel do diálogo social e da negociación colectiva na mellora das condicións de traballo e sinalou que esta ferramenta permitirá actuar de maneira máis directa na prevención da sinistralidade.
O proxecto tamén incorpora unha campaña de concienciación cidadá orientada a fomentar a contratación responsable e segura, co obxectivo de implicar a sociedade no respecto ás normas de prevención.