Nace Mulleres Líderes de Galicia para impulsar o liderado feminino

A cidade de Lugo acolleu a presentación oficial de Mulleres Líderes de Galicia, unha nova entidade profesional con sede na capital lucense que naceu coa vocación de actuar como unha tribo activa e comprometida no impulso do liderado feminino. A asociación está presidida por Anjhara Gómez, quen asumiu esta nova responsabilidade tras deixar a presidencia da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU).
O proxecto ten como obxectivo sumar talento, liderado e compromiso coa comunidade galega, consolidando un espazo de referencia integrado por mulleres destacadas en distintos ámbitos profesionais. A nova entidade aspira a converterse nun punto de encontro para fomentar sinerxías, reforzar a presenza feminina nos espazos de decisión e promover iniciativas que contribúan ao desenvolvemento social e económico de Galicia.
No acto de presentación participaron a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen puxeron en valor a importancia de contar en Galicia cun tecido social forte e cohesionado que continúe promovendo e visibilizando o papel das mulleres en todos os sectores.
María Quintiana trasladou, en nome do Executivo galego, os mellores desexos para esta nova etapa que comeza a asociación, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta co asociacionismo como ferramenta clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. A directora xeral animou a Mulleres Líderes de Galicia a traballar de maneira coordinada co Goberno galego para seguir apoiando ás mulleres na recuperación do seu espazo na sociedade, no liderado de proxectos e na promoción do seu talento.