Nace SINERXIAS 430, o I Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo

A cidade de Vigo acollerá este outono SINERXIAS 430, un novo festival internacional de música de cámara con seis concertos temáticos, artistas internacionais, novos talentos galegos e actividades paralelas centradas na igualdade e a educación musical.
Musica de Camara Vigo
15 Jul 2025

Vigo converterase este outono nun referente da música de cámara coa chegada de SINERXIAS 430 - I Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo, promovido pola Orquestra Vigo 430. O festival celebrarase entre o 20 de setembro e o 9 de novembro de 2025, cun total de seis concertos temáticos a cargo de artistas internacionais, membros do Ensemble Vigo 430 e novos talentos galegos.

A dirección artística corre a cargo de Javier Escobar, quen define o festival como un espazo de encontro inclusivo entre obras, intérpretes e público, cunha programación que conecta tradición e vangarda.

Entre os nomes máis destacados figuran Claire Wells, Clémence de Forceville, Mira Foron, Yibai Chen, Li La, e pianistas como Anthony Sintow-Behrens, Santi Meijide e Sergio Gómez.

Ademais, o festival inclúe actividades paralelas coma o I Concurso de Música de Cámara para estudantes de conservatorios superiores, clases maxistrais e a mesa redonda “Mulleres compositoras: un relato esquecido ou unha historia por contar?”, que se celebrará o 5 de novembro en colaboración con EnClave Morada.

Datas dos concertos:

20 setembro – Monólogos e diálogos: de Cassadó e Bach a Brahms.
21 setembro – Entre a brétema e o lume: Dvořák, Beethoven, Poulenc e Waxman.
18 outubro – Resonancias íntimas: Mozart e Borodin.
7 novembro – Camiños cruzados: Ravel, Chaminade, Bonis e Ysaÿe.
8 novembro – Murmurios e correntes: Clara Schumann, Hindemith e Schubert.
9 novembro – Fortalezas do espírito: Kodály, Vasks e Schulze.

O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, destacou o compromiso do festival coa sociedade e a igualdade, animando á cidadanía a participar e desfrutar da programación. A información sobre entradas e horarios estará dispoñible en breve en www.vigo430.com.

⚙ Configurar cookies
0.885822057724