Nacen os Premios da Industria Musical de Galicia para recoñecer o talento e a sustentabilidade do sector

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) impulsa os primeiros Premios da Industria Musical de Galicia, que nacen para recoñecer a creatividade, a innovación e a sustentabilidade do sector. A gala celebrarase o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago.
Premios musica
9 Oct 2025

A música galega contará dende este ano cos Premios da Industria Musical de Galicia, uns galardóns pioneiros impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) que buscan visibilizar e poñer en valor traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade.

A primeira edición celebrarase o xoves, 27 de novembro, cunha gala na Sala Capitol de Santiago de Compostela, un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores das 17 categorías desta edición inaugural. Entre elas figuran recoñecementos a ámbitos como o deseño de iluminación, a implementación de son, a posta en escena, o proxecto de comunicación, o videoclip, o proxecto de sustentabilidade ou o evento musical do ano.

Ademais, a Xunta Directiva de AGEM outorgará dous premios especiais —Artista do ano e Persoa do ano—, e o público poderá votar pola excelencia na experiencia do público, categoría decidida por votación popular a través das redes sociais e a web de AGEM.

Segundo explicou Patricia Hermida, presidenta da asociación, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Estes premios nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

Os galardóns contan co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, e forman parte do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da administración autonómica.

Un xurado independente, composto por profesionais dos ámbitos do xornalismo musical, a creación artística, a produción, a sustentabilidade e o emprendemento cultural, será o encargado de elixir os proxectos gañadores desta primeira edición.

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), fundada en 2007, agrupa produtoras, promotoras, managers, compañías de representación, editoras fonográficas e empresas técnicas vinculadas á música ao vivo. O impacto económico das actividades das súas asociadas supera os 100 millóns de euros anuais, consolidando o sector musical galego como un motor cultural e económico de primeira orde.

⚙ Configurar cookies
0.28284788131714