Nadiia Zholtikova e Gonzalo Caparrós representan a Galicia con España en dous torneos internacionais de loita

A deportista Nadiia Zholtikova, do Club de Loita Pontevedra, foi convocada coa selección española U17 para participar no prestixioso Flatz Open, que se esta a celebrar en Wolfurt.
Zholtikova competirá na categoría de –57 kg, un peso superior ao no que se proclamou campioa de España, nun torneo internacional que servirá como preparación para os próximos Campionatos de España da súa categoría. A deportista, que está becada no CGTD de Pontevedra, forma parte do grupo de loitadoras con maior proxección internacional dentro da canteira feminina estatal.
Tras a súa participación en Austria, Nadiia Zholtikova continuará a súa preparación internacional cunha concentración do 9 ao 21 de febreiro no Centro de Alto Rendimiento de Madrid, xunto coa selección nacional feminina absoluta.
Pola súa banda, o deportista ourensán Gonzalo Caparrós viaxa convocado coa selección española de loita grecorromana para competir no Kristjan Palusalu Memorial, que terá lugar do 5 ao 9 de febreiro en Tallín. Este campionato é unha das competicións internacionais de maior tradición e prestixio no calendario mundial da disciplina.
Caparrós, pertencente ao Club Atila de Ourense e tamén becado no CGTD de Pontevedra, formará parte da expedición española composta por cinco deportistas, acompañados polos técnicos Vicente Lillo e Óscar Sánchez.
Esta participación en Estonia supón a primeira gran actividade internacional da selección española de loita grecorromana na tempada 2026 e marca o inicio do novo ciclo competitivo.