Néstor Rego acusa a Felipe de Borbón de ignorar os problemas da xente e centrarse en salvar a lexitimidade da Transición

O Bloque Nacionalista Galego cualificou o discurso de Nadal de Felipe de Borbón como unha nova evidencia de que a monarquía é unha institución anacrónica e allea ás preocupacións reais da cidadanía. Así o manifestou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen considera que esta distancia confirma que a monarquía borbónica “debe ficar atrás”.
Segundo Rego, o monarca amosouse “moito máis preocupado pola desafección política das institucións españolas que teñen a súa lexitimidade na chamada Transición” que polos problemas cotiáns que afectan á maioría social. Na súa análise, o discurso centrouse nunha defensa da Transición, da Constitución e da Unión Europea, obviando as consecuencias negativas que este marco tivo e segue tendo para Galiza.
O deputado do BNG cuestionou tamén que Felipe de Borbón sitúe o inicio da democracia hai cincuenta anos, coincidindo coa coroación do seu pai, Juan Carlos de Borbón, designado como xefe do Estado polo ditador Francisco Franco. “A partir de aí constrúe unha louvanza da Transición que está na base de moitos dos problemas actuais”, sinalou.
Rego advertiu de que, no caso galego, a Constitución supón “serias limitacións democráticas”, nega Galiza como nación e restrinxe dereitos colectivos fundamentais. Ademais, lembrou que as políticas da Unión Europea reduciron a capacidade produtiva do país en sectores estratéxicos como o agrogandeiro e o pesqueiro, converténdose aínda hoxe nunha ameaza para o tecido produtivo galego.
Na súa valoración, o deputado nacionalista subliñou que cuestións centrais como a carestía da vida ou o prezo da vivenda foron apenas mencionadas no discurso do monarca. “Liquidounos cunha simple referencia”, criticou, incidindo en que a maior parte da intervención estivo dedicada a analizar a crise de lexitimidade das institucións españolas.
“Esta distancia cos problemas reais da xente pon en evidencia que a monarquía borbónica non representa ningunha solución nin para as clases populares galegas nin para o conxunto do Estado español”, concluíu Néstor Rego.