Néstor Rego denuncia que o PP tenta impedir a implantación do tren de proximidade en Galicia

Néstor Rego acusa ao PP de querer eliminar da Lei de Mobilidade a disposición que garante un servizo de tren de proximidade para Galicia, un logro negociado polo BNG
Nestor Rego
14 Nov 2025

No último trámite do Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou con firmeza as emendas introducidas polo Partido Popular no Senado, ao entender que buscan eliminar os avances logrados polo BNG en materia de servizos ferroviarios e de mantemento das paradas de autobús en Galicia.

Rego subliñou que o PP “nega o déficit histórico en infraestruturas que sofre Galicia, especialmente no ámbito ferroviario”, e advertiu de que os deputados e deputadas galegas populares “terán que explicar por que non queren que a Galiza teña o que si teñen outras comunidades: un servizo de cercanías ferroviarias”.

Unha lei clave para reforzar o transporte público

O BNG lembra que a Lei de Mobilidade Sustentábel é esencial para avanzar cara a un modelo baseado na sustentabilidade e no reforzo do transporte público colectivo. Nese contexto, a formación nacionalista defendeu durante a negociación que o ferrocarril é “o modo máis eficiente, eficaz e sustentábel” e que Galicia necesita ferramentas legais para recuperar o atraso acumulado.

“Conseguimos introducir unha disposición adicional que recoñece o déficit histórico da Galiza e a necesidade de implantar un servizo ferroviario de proximidade”, explicou Rego. Un apartado xa recollido no Acordo de Investidura, pero que, ao seu xuízo, era necesario “blindar por lei” para acelerar o proceso.

A emenda do PP no Senado: unha volta atrás

Rego lamentou que o Partido Popular introducise no Senado unha emenda “que elimina a referencia específica á Galiza”, substituíndoa por unha redacción ambigua aplicable a todas as comunidades autónomas. “Estamos diante dunha situación que afecta exclusivamente ao noso país”, advertiu.

Recordou, ademais, que Galicia é o único territorio do Estado que, contando con áreas urbanas de máis de 600.000 ou 750.000 habitantes, carece dun servizo de cercanías ferroviarias.

“Os deputados e deputadas do PP elixidos pola Galiza, e mesmo Feixóo, deberán explicar por que rexeitan que o noso país teña tren de proximidade e por que manteñen unha emenda que elimina un avance conseguido polo BNG”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.35906195640564