Nico Adega logra a prata mundial de maratón KL3 na Arxentina

Nico Adega proclamouse subcampión do mundo de paracanoe na modalidade masculina KL3 de maratón ao conseguir a medalla de prata no campionato disputado en Arxentina. O deportista lucense completou a proba cun tempo de 55:53.60, a só 3,50 segundos do extremeño Juan Valle, que se impuxo cun rexistro de 55:50.10. O británico Timothy Lodge ocupou a terceira posición do podio.
A loita polo título estivo protagonizada polos dous representantes españois, que desde os primeiros compases conseguiron distanciarse dos seus rivais. A igualdade mantívose durante boa parte da carreira e a clasificación definitiva decidiuse no tramo final, cos últimos 100 metros como escenario dun desenlace moi axustado.
Tras a competición, Adega amosouse satisfeito co seu rendemento e celebrou que o ouro tamén quedase en mans españolas. "Levamos a medalla de prata para casa, pero estou súper contento porque o ouro queda en España e lévao o meu amigo Juan Valle. Foi unha carreira moi disputada. Dei todo o que tiña, non puiden levar o ouro, pero levamos a prata. Estou súper contento coa miña carreira aquí en Arxentina", sinalou o padexeiro.
Este novo éxito amplía o palmarés internacional de Nico Adega, que en 2025 se proclamara campión do mundo de maratón KL3 en Győr e que en xuño de 2026 tamén conquistara o título europeo. A prata en Arxentina reforza a súa traxectoria entre os principais nomes españois do paracanoe e confirma a súa capacidade para competir polos postos de honra nas grandes citas internacionais.