Nó Rural impulsa unha enquisa para facilitar a remuda xeracional nas explotacións agrarias galegas

O proxecto de cooperación Leader Nó Rural puxo en marcha unha enquisa dirixida a agricultores e gandeiros próximos á xubilación co obxectivo de identificar explotacións agrarias que poderían precisar unha remuda xeracional nos vindeiros anos. A iniciativa pretende crear unha base de datos que permita coñecer a realidade deste colectivo e facilitar o contacto entre os actuais titulares e persoas emprendedoras interesadas en desenvolver o seu futuro profesional no medio rural.
Desde Nó Rural subliñan que a continuidade do sector agrario galego depende en boa medida da capacidade para garantir o relevo xeracional, polo que consideran prioritario actuar con antelación para evitar o peche de explotacións e a perda da actividade produtiva no territorio. Neste contexto, a enquisa constitúe o primeiro paso dun proceso que busca detectar explotacións en risco de desaparición por falta de sucesión e ofrecer apoio para favorecer a súa continuidade.
O formulario, que xa está dispoñible na páxina web de Nó Rural, pode completarse en poucos minutos e está orientado a persoas que se atopan nunha etapa próxima á xubilación ou que comezan a reflexionar sobre o futuro da súa explotación. A información recompilada permitirá elaborar un mapa das explotacións susceptibles de iniciar procesos de transmisión e facilitar posteriormente a súa conexión con posibles persoas relevo.
A difusión da enquisa está a realizarse a través das redes sociais e das entidades que integran os seis grupos motores do proxecto, entre as que figuran organizacións sindicais agrarias, oficinas rurais, entidades de asesoramento, polos de emprendemento, centros de formación profesional da rama agraria, cooperativas, asociacións, fundacións, explotacións agrarias, empresas vinculadas ao sector e a Universidade de Santiago de Compostela.
Estas entidades desenvolven o seu traballo nun territorio que abrangue cen concellos galegos, aproximadamente un terzo do total da comunidade autónoma, o que permitirá obter unha visión ampla da situación da remuda xeracional no agro galego.
Unha vez recompilados os datos, o proxecto avanzará nunha segunda fase na que se realizará unha análise máis detallada dos perfís identificados. Ademais, levaranse a cabo entrevistas sobre o terreo para coñecer en profundidade as circunstancias de cada explotación e explorar posibles fórmulas de apoio, acompañamento ou conexión entre persoas cedentes e emprendedoras.
O proxecto Nó Rural está integrado por seis grupos de desenvolvemento rural: Asociación GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, GDR Mariñas-Betanzos e Seitura 22, que exerce como entidade coordinadora.
A iniciativa toma como referencia o modelo catalán de transmisión de explotacións agrarias e forma parte dun proceso iniciado a finais de 2025 para adaptar esa metodoloxía á realidade galega. Desde entón, os grupos motores constituídos nas distintas áreas de influencia veñen desenvolvendo reunións de traballo e análises territoriais para identificar os principais desafíos e oportunidades relacionados coa remuda xeracional.
Como complemento a este labor, Nó Rural organizou recentemente unhas xornadas técnicas na provincia de Ourense baixo o lema “O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña”, nas que participaron representantes de entidades de desenvolvemento rural catalás e responsables institucionais vinculados ás políticas de relevo xeracional e desenvolvemento do medio rural.
Con esta nova acción, Nó Rural reforza a súa aposta por contribuír á continuidade da actividade agraria en Galicia, favorecendo a transmisión do coñecemento, da actividade económica e da xestión do territorio entre xeracións.