Noa Presas esixe a Rueda que acepte a condonación da débeda negociada polo BNG

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, esixiulle á Xunta que rectifique a súa posición e acepte a condonación da débeda de máis de 4.000 millóns de euros negociada polo BNG co Partido Socialista no pacto de investidura e aprobada hoxe polo Consello de Ministros. Para Presas, trátase dunha “oportunidade histórica que Galicia non pode desaproveitar”.
A deputada nacionalista advertiu de que Galicia non pode permitirse perder os 4.010 millóns destinados a reducir unha débeda que, segundo lembrou, o PP triplicou durante os seus anos de goberno ata superar os 12.800 millóns de euros. Engadiu que, segundo o proxecto de orzamentos da Xunta para 2026, o Goberno galego prevé gastar máis en débeda que en Política Social, o que evidencia a necesidade de aliviar esta carga financeira.
Presas empraza o presidente Rueda a “rectificar” e abandonar o “sectarismo” que atribúe a Feijóo, a quen responsabiliza de impor desde Madrid a negativa galega a aceptar a quita. “Rueda ten que deixar a súa submisión absoluta a Génova e poñerse do lado dos galegos e das galegas, defendendo os seus intereses fronte aos intereses partidistas de Feijóo”, advertiu.
A parlamentaria reclama que o Executivo galego negocie co Goberno do Estado as condicións da condonación e facilite a súa tramitación no Congreso, tal e como farán outros territorios. Asegura que “ninguén se cre a estas alturas que unha quita non sexa beneficiosa para o noso país”.
Presas lembra que Galicia arrastra un grave problema de endebedamento, agravado polo PP durante os seus anos de xestión, e insiste en que non se pode renunciar a unha oportunidade que outros territorios están dispostos a aproveitar. Conclúe que a condonación “aliviará a carga da débeda e permitirá reinvestir máis recursos en servizos públicos esenciais”, como a educación, a sanidade ou a dependencia.