Noites Abertas recibe 165 propostas de 76 entidades para a súa XXVII edición

A nova convocatoria de Noites Abertas supera as cifras do ano pasado cun aumento do 9% nas entidades participantes e do 5% nos proxectos presentados. O Concello selecciona 93 actividades para o programa de lecer nocturno do primeiro trimestre de 2026.
Noites Abertas 2025
13 Nov 2025

A XXVII edición de Noites Abertas vén de pechar o seu prazo de presentación de proxectos cun notable incremento de participación. Entre o 3 e o 31 de outubro, un total de 76 entidades —entre empresas, asociacións e persoas autónomas vinculadas ao eido da xuventude— presentaron 165 propostas, o que supón un crecemento do 9% en relación a 2024 e un aumento do 5% no número de proxectos.

Tras o proceso de análise realizado polos servizos técnicos municipais, 93 actividades foron finalmente seleccionadas para integrar o programa de lecer nocturno que a Concellería de Xuventude desenvolverá no primeiro trimestre de 2026.

Un proceso de selección complexo e personalizado

O Concello explicou que o filtrado das propostas é un proceso “moi complexo”, no que se xustifican ás entidades os motivos polos que unha actividade é escollida ou descartada. En moitos casos tamén se inicia unha negociación individualizada para axustar datas, horarios, idades destinatarias ou lugares de celebración.

Estas adaptacións, subliñan, teñen como obxectivo construír un programa equilibrado, plural e atractivo, capaz de atender a diversidade de intereses da mocidade pontevedresa.

Máis autónomos e pequenas empresas locais

Nunha análise máis detallada, o Concello destaca que o maior incremento de participación procede de autónomos e pequenas empresas, especialmente da cidade e da súa comarca, o que evidencia unha maior implicación do tecido local neste programa de referencia.

Presentación pública en xaneiro

O programa definitivo será presentado ao público no mes de xaneiro, e ademais das 93 actividades seleccionadas incluirá outras propostas impulsadas polo propio Concello, como accións musicais vinculadas ao Local de Música.

⚙ Configurar cookies
0.2434139251709