Noites Abertas regresa con 98 actividades e 157 sesións entre xaneiro e marzo

A 27ª edición de Noites Abertas desenvolverase entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo con propostas gratuítas para mozas e mozos de 12 a 30 anos en oito espazos da cidade.
Noites abertas
28 Jan 2026

O programa municipal Noites Abertas regresa cunha nova edición que inclúe 98 actividades diferentes e un total de 157 sesións, que se desenvolverán ao longo de oito fins de semana, entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo, en oito espazos distintos da cidade.

A programación, destinada á mocidade de entre 12 e 30 anos, foi presentada polo concelleiro de Xuventude do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, acompañado por entidades e asociacións participantes, que achegan actividades, monitorado e apoio organizativo.

Gómez destacou que esta será unha das edicións “máis amplas e diversas”, con 15 xornadas de actividade e a implicación directa ou indirecta de 128 persoas, entre coordinación, promoción de igualdade, deseño gráfico, xestión de redes sociais, controladores e 118 monitoras e monitores. Ademais, subliñou o carácter multicultural do programa, no que participan persoas nadas en dez países distintos, como Uruguai, Alemaña, Suecia, Bélxica, Exipto, Italia, Chile ou México.

A oferta inclúe propostas deportivas, culturais, artísticas, lúdicas e formativas, con novidades como o baile K-Pop, a calistenia, o debuxo colectivo, a improvisación teatral, o claqué ou o singular “Campionato marrón: un xogo de caca”, impulsado pola Asociación ASSEII, cun enfoque educativo e divulgativo arredor da saúde dixestiva.

Durante a presentación, representantes de diferentes colectivos puxeron en valor o ambiente inclusivo e participativo do programa. Destacaron iniciativas como o teatro como ferramenta de comunicación e confianza persoal, propostas de ilustración colaborativa para fomentar a creatividade comunitaria, así como o programa de acompañamento a persoas con discapacidade intelectual, que permite unha participación real e inclusiva nas actividades.

Demetrio Gómez lembrou que Noites Abertas é o programa máis antigo do Concello, en marcha desde 1999, e salientou que o seu éxito responde ao carácter aberto, diverso e acolledor da cidade. “É un motivo de orgullo colectivo e un exemplo de convivencia e creatividade”, afirmou.

A programación completa está dispoñible na web noitesabertas.gal e nas redes sociais do programa. Ademais, nos próximos días desenvolveranse accións promocionais en institutos, campus universitarios e espazos públicos da cidade.

A primeira xornada terá lugar este mesmo venres con actividades como pickleball, stop motion debuxado sobre Castelao e Virxinia, cianotipia, K-Pop, chapas e adhesivos, tatuaxes de henna e diferentes propostas deportivas, na Casa Azul e no Froebel.

⚙ Configurar cookies
0.25350403785706