Novidades tecnolóxicas, o maior orzamento da súa historia e máis de 7.000 efectivos: todo sobre o Pladiga 2026

A Xunta de Galicia conta neste 2026 cunha nova actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), un documento que marca a estratexia autonómica fronte ao lume durante este ano e que chega acompañado do maior investimento realizado ata o momento neste ámbito. O Consello da Xunta aprobou a actualización do plan cun orzamento superior aos 213 millóns de euros, o que supón un incremento do 18 % respecto ao exercicio anterior e reflicte a aposta do Goberno galego por reforzar tanto a prevención como a extinción dos incendios forestais.
O novo Pladiga incorpora importantes novidades tecnolóxicas, un reforzo significativo dos recursos humanos e materiais e novas liñas de actuación orientadas a mellorar a capacidade de resposta ante incendios cada vez máis complexos. O dispositivo volverá contar con máis de 7.000 profesionais entre persoal da Xunta e efectivos doutras administracións.

PREVENCIÓN, DETECCIÓN, INVESTIGACIÓN, EXTINCIÓN E FORMACIÓN
O documento estrutúrase en catro grandes áreas de actuación: prevención, detección e investigación, extinción e formación. No ámbito preventivo, o plan prevé actuacións en preto de 34.000 hectáreas de monte. Estes traballos inclúen a creación e mantemento de cortalumes, faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, tratamentos silvícolas e queimas prescritas, ademais das actuacións desenvolvidas en colaboración con concellos e comunidades de montes.
A prevención constitúe unha das principais apostas do Pladiga 2026. Neste sentido, a Xunta reforzou o convenio coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección, duplicando o seu orzamento ata alcanzar os 25 millóns de euros anuais. Este programa presta apoio aos concellos e propietarios para cumprir coas obrigas de limpeza e servirá tamén para impulsar unha estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, con accións informativas e de sensibilización nas zonas de maior risco.
A formación e concienciación cidadá tamén seguirán tendo un papel destacado. O programa educativo incluirá máis de 300 charlas en centros escolares, especialmente nas zonas rurais, e continuará apoiándose en materiais divulgativos dirixidos á infancia para fomentar unha cultura preventiva desde as idades máis temperás.
NOVAS FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS
Un dos aspectos máis innovadores do novo plan é a incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas para mellorar a detección temperá dos incendios. A rede de videovixilancia ampliarase un 30 %, alcanzando as 241 cámaras distribuídas en 111 localizacións estratéxicas de Galicia. Ademais, por primeira vez intégrase intelixencia artificial no sistema interno de xestión, o que permitirá detectar automaticamente columnas de fume e focos incipientes con maior rapidez.
Como complemento a este sistema, a Xunta incorpora tres drons de última xeración destinados principalmente á vixilancia de zonas de difícil acceso.
No apartado operativo, o Pladiga reforza de maneira notable os recursos humanos destinados á extinción. A Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada na xestión dos grandes incendios forestais, incrementa os seus efectivos pasando de seis a quince integrantes. Ademais, incorpóranse 42 novas brigadas compostas por catro persoas cada unha, que actúan durante a época de maior risco para reforzar a capacidade de intervención sobre o terreo.
O aumento dos medios materiais é outra das novidades destacadas da campaña. A Xunta incorporará 16 novos bulldózeres para labores preventivas e de apoio ás tarefas de extinción, que se sumarán á maquinaria pesada xa existente. Tamén continuará o investimento en infraestruturas estratéxicas, con melloras nas bases aéreas actuais e avances na construción de novas instalacións, como a base de helicópteros de Lalín e o futuro aeródromo de Valga.

REFORZO DOS MEDIOS AÉREOS
O reforzo dos medios aéreos constitúe outro dos piares do Pladiga 2026, con dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural dispón de 24 medios aéreos propios, aos que se sumarán os recursos dependentes do Goberno. En terra, o dispositivo está apoiado por arredor de 380 motobombas e vehículos pesados pertencentes tanto á Xunta como aos concellos.
O Pladiga contempla ademais o impulso dun proxecto piloto orientado a reforzar a colaboración da poboación local de cara á vixilancia dos incendios forestais nas comunidades de montes veciñais en man común. Esta iniciativa está xa en marcha coa colaboración da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño a través da rede "Ollos no Monte", coa que se organizan equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán. Este programa ten repercusións moi beneficiosas e estase a traballar para replicar noutras zonas do territorio.
UNHA NOVA APLICACIÓN MÓBIL CONTRA OS INCENDIOS
Dentro do plan figura outra incorporación de gran relevancia, a aplicación móbil ALume, complementaria ao teléfono 085 e deseñada para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá, está xa dispoñible para descarga, tanto para sistema operativo Android como para iOS.
ALume conta cunha interface moi intuitiva, deseñada co obxectivo de facilitar ao máximo posible o seu uso. Deste xeito, a través do menú que aparece na súa pantalla principal pode darse un aviso a través da aplicación ou chamando ao 085. Unha das vantaxes máis salientables que ofrece esta ferramenta é a posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións.
Tanto a posta en funcionamento da aplicación como a incorporación da IA son recursos fundamentais na detección temperá dos lumes e favorecerán a anticipación do propio servizo de cara á primeira intervención no lume.
O Pladiga 2026 representa un salto cualitativo na loita contra os incendios forestais, tanto polo volume de recursos mobilizados como pola incorporación de novas tecnoloxías e ferramentas de prevención. Co maior investimento da súa historia, o Goberno galego busca reforzar a capacidade de anticipación, mellorar a coordinación dos operativos e incrementar a seguridade fronte a un fenómeno cada vez máis condicionado polos efectos do cambio climático e pola aparición de incendios máis intensos e difíciles de combater.