O 100 % do persoal de almacén de Amazon no Porriño secunda a folga para reclamar melloras laborais

As traballadoras e traballadores denuncian precariedade na contratación, sobrecarga de traballo e a obriga de traballar en domingos sen remuneración nin compensación.
Amazon
30 Dec 2025

O 100 % do persoal de almacén de Amazon no Porriño está secundando este martes a primeira xornada de folga convocada neste centro de traballo para reclamar melloras nas condicións laborais nunha empresa que obtén beneficios millonarios ano tras ano. Con motivo do paro, o persoal concentrouse ás portas das instalacións desde primeira hora da mañá ata pasado o mediodía.

O seguimento total da folga no almacén —no que traballan arredor de 70 persoas das máis de 90 contratadas neste centro— está a afectar de maneira directa á saída da paquetería. Segundo os cálculos, a metade dos envíos quedarán sen repartir, mentres que os paquetes que si saíron fixérono con importantes atrasos respecto dunha xornada habitual.

Sobrecarga de traballo e precariedade

Durante a xornada, as traballadoras e traballadores berraron consignas como “moito traballar para case non cobrar”, “estamos fartas de ser explotadas”, “non somos robots, somos traballadores” ou “traballo precario, beneficio millonario”. A mobilización foi convocada polo comité de empresa, con maioría da CIG, para denunciar a falta de persoal suficiente e os elevados ritmos de traballo.

Segundo explicou Carlos Lamosa, responsábel de Transporte da FGAMT-CIG de Vigo, a sobrecarga laboral ten consecuencias directas sobre a saúde do persoal. A pesar de que o comité leva meses solicitando medidas á dirección, a resposta foi o silencio. A isto súmanse, segundo denunciou, contratos maioritariamente a tempo parcial ou fixos descontinuos, incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais e a obriga de traballar en domingos sen remuneración nin compensación.

Lamosa subliñou ademais a contradición de que esta situación se produza nunha empresa que obtén beneficios multimillonarios e cuxo propietario, Jeff Bezos, figura entre as persoas máis ricas do mundo. “Amazon é un exemplo de precariedade laboral e explotación”, denunciou.

O comité tamén critica o modelo de externalización, coa presenza masiva de ETT dentro do propio almacén e a subcontratación do reparto a empresas externas ou persoal autónomo.

A finais do mes de xaneiro está prevista unha reunión coa dirección da empresa. En función do resultado dese encontro, o persoal non descarta novas mobilizacións e xornadas de folga, advertindo de que continuará loitando “ata que se atendan unhas demandas laborais que consideran xustas”.

⚙ Configurar cookies
0.28612208366394