O 90% do persoal técnico forestal rexeita ampliar as gardas voluntarias ante a falta de avances da Xunta

Preto do 90% das enxeñeiras e enxeñeiros forestais dos distritos galegos, e ata o 95% no caso de Ourense, non asumirá as gardas de carácter voluntario desde o 1 de outubro, segundo denuncia o Sindicato de Empregados Públicos de Galicia (SEPGA). A decisión prodúcese despois de anos de reivindicacións sen resolver sobre as condicións laborais deste persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), nun momento no que a Xunta decidiu ampliar ata o 15 de outubro a época de alto risco de incendios.
O acordo que regula as condicións de traballo deste persoal establece que as gardas obrigatorias remataron o 30 de setembro, tras catro meses de servizo. A Consellería de Medio Rural permite, con todo, que o persoal de enxeñaría forestal amplíe voluntariamente o período de gardas. O SEPGA considera que a elevada porcentaxe de persoas que rexeitan continuar responde á falta de avances nas súas principais demandas.
Entre elas figura o recoñecemento das funcións que desempeñan directamente na extinción dos incendios como funcións propias de bombeiros forestais, en aplicación da Lei 5/2024, básica de bombeiros forestais. O sindicato reclama que esta condición quede certificada para que o persoal dos corpos de enxeñaría de montes e enxeñaría forestal poida solicitar ante o Instituto Nacional da Seguridade Social os coeficientes reductores para a xubilación, do mesmo xeito que xa se aplican a outros colectivos como os bombeiros e os axentes forestais.
O SEPGA reclama tamén a actualización das condicións laborais do colectivo, que permanecen reguladas fundamentalmente por un acordo de 2008, con pequenas modificacións realizadas en 2019 e 2021. Para o sindicato, ese marco non se adaptou aos novos escenarios dos incendios forestais nin ás responsabilidades que asume o persoal técnico.
Este persoal funcionario exerce funcións de mando nos incendios, realiza gardas de 24 horas e, nos sinistros máis complexos, debe desprazarse ata as zonas afectadas, avaliar sobre o terreo a evolución do lume, organizar e coordinar medios humanos e materiais e adoptar decisións que afectan á seguridade dos equipos despregados, das infraestruturas e, en moitos casos, da poboación.
O sindicato destaca que o compromiso do colectivo quedou demostrado durante as grandes vagas de incendios de 2017, 2022 e 2025, cando numerosos integrantes se incorporaron voluntariamente ao dispositivo mesmo durante os seus días libres.
O SEPGA pide á Xunta que recoñeza formalmente as funcións realizadas polo persoal técnico na loita contra os incendios forestais e que continúe "á maior brevidade posible" a negociación das súas condicións de traballo, iniciada pola conselleira do Medio Rural. O sindicato reclama que este proceso se desenvolva conforme aos principios de legalidade, cobertura orzamentaria, boa fe negocial, publicidade e transparencia.
Segundo explica, a Consellería comunicou que prevé convocar a negociación a finais de outubro ou en novembro, a pesar de que a revisión do acordo de condicións especiais de traballo é unha reivindicación que o colectivo mantén desde hai anos.
O SEPGA considera que a situación debe abordarse con responsabilidade tanto por parte da Administración autonómica como dos representantes dos traballadores e do persoal afectado, co obxectivo de alcanzar unha solución que permita garantir o interese xeral da cidadanía e o correcto funcionamento do servizo público de prevención e defensa contra os incendios, cunhas condicións laborais adecuadas para o persoal técnico.
O PSdeG denuncia falta de persoal e planificación nas brigadas
Nunha cuestión distinta pero relacionada co dispositivo contra os incendios, a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou a Xunta de ocultar información sobre as baixas, renuncias e substitucións rexistradas durante a temporada nas brigadas de prevención e extinción.
Dacosta asegurou que "falta persoal e falta planificación" e reclamou un modelo de brigadas que garanta estabilidade, experiencia, formación e continuidade. Tamén criticou a contratación temporal a través da empresa pública Seaga para cubrir, ao seu xuízo, unha necesidade estrutural, nun contexto no que os concellos tamén buscan persoal para as súas brigadas municipais.
A responsable socialista afirmou que a Xunta non foi quen de contratar todo o persoal necesario para cubrir as 42 brigadas anunciadas, que supoñen 181 persoas, ademais de catro técnicos e nove capataces para as tarefas de xestión. Dacosta advertiu de que unha brigada anunciada non implica necesariamente que estea constituída nin que estea completa e operativa no monte.
O PSdeG reclamou así ao Goberno galego que planifique e dote de persoal os dispositivos con antelación suficiente e que reforce os recursos cando sexa necesario.