O alcalde ratifica na inauguración de Conxemar o seu firme compromiso coa ampliación do IFEVI

Abel Caballero destacou o papel de Conxemar e de Vigo como referentes mundiais da pesca e do conxelado, e reafirmou o compromiso de Zona Franca coa ampliación do IFEVI “en beneficio da cidade e do sector”.
Conxemar
8 Oct 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor hoxe os logros alcanzados polo sector transformador dos produtos do mar ao manter, durante vinte e seis anos, a feira Conxemar e a cidade como referente mundial da pesca e do conxelado. “Sodes uns heroes”, afirmou durante o acto inaugural, no que reiterou o seu compromiso “firme e indubidable” coa ampliación do IFEVI, en función dos intereses da organización feiral.

Caballero chamou a permanecer “atentos” ante posibles tentativas de trasladar o evento a outras cidades. “O risco está aí e temos que fortalecer Conxemar e ampliar o recinto para que a feira non teña que deixar sen atender demandas de expositores e visitantes”, asegurou ante o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, a conselleira de Pesca, Marta Villaverde, e o comité organizador.

O rexedor reafirmou o compromiso de Zona Franca de “empezar mañá mesmo a ampliación”, que financiará integramente, e lembrou que é necesaria a aprobación previa de todas as partes implicadas. “É un requisito legal sen o que non se pode proceder, por iso insto a que rapidamente nos poñamos a facer a valoración dos activos e de forma inmediata Zona Franca poida proceder coa ampliación do recinto feiral, porque é bo para a pesca, para Vigo, Galicia e para todos”, subliñou.

Defensa da pesca

O alcalde expresou o seu “orgullo de cidade e de sector” e cualificou Conxemar como “a xoia da coroa da pesca do mundo”. Ademais, reclamou á Comisión Europea que “cambie algunhas decisións” e mostrou a súa confianza en que o ministro Planas defenderá os intereses do sector pesqueiro no novo orzamento europeo.

Caballero advertiu aos responsables comunitarios de que non deben “seguir cometendo erros no mundo da pesca” e criticou os ataques “do ecoloxismo mal entendido” que, ao seu xuízo, acusan falsamente o sector de destruír os mares. “Os verdadeiros ecoloxistas sodes vós —afirmou—, porque o futuro do benestar do mar é tamén o futuro do benestar da pesca. Os primeiros interesados en manter os océanos na mellor situación sodes vós”.

⚙ Configurar cookies
0.34029412269592