O alcalde urxe a iniciar o proceso para que a Universidade de Vigo conte cunha facultade de Medicina

Abel Caballero comprométese a facer “todo o posible e o imposible” para lograr que Vigo conte cunha facultade de Medicina e insta á Xunta a non bloquear o proceso.
Vigo
18 Jul 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou este xoves a súa firme demanda de que a cidade conte cunha facultade de Medicina. “Vigo ten que ter necesariamente unha facultade de Medicina”, asegurou, ao tempo que ratificou a súa intención de “facer todo o que estea na miña man, todo o posible e o imposible” para conseguilo.

Caballero instou “a quen corresponda” a iniciar “de forma inmediata” toda a tramitación necesaria para poñer en marcha esta titulación sanitaria, e puxo en valor que a Universidade de Vigo xa dispón dunha infraestrutura académica sólida. “Temos unha gran universidade e fáltanos a facultade de Medicina”, sinalou.

O rexedor lembrou que o Consello de Goberno da Universidade da Coruña acordou iniciar o procedemento para reclamar tamén a súa facultade de Medicina, decisión que felicitou: “En Vigo tamén o faremos”, afirmou.

Criticou, ademais, a suposta oposición da Xunta ao proxecto: “Por moito que a Xunta se opoña, Vigo ten que contar coa titulación sanitaria”. Salientou a alta cualificación do persoal médico da cidade e destacou que os hospitais de Vigo están plenamente preparados para acoller a formación práctica do grao en Medicina.

“Temos todo preparado. Por que non vai haber unha facultade de Medicina en Vigo? Porque a Xunta non quere? Xa sabemos que todo o que teña que ver con Vigo, a Xunta non o ve”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.25703597068787