O Anxo Carro acolle a primeira exhibición de Fútbol a Pé cunha xornada de deporte, inclusión e convivencia

O estadio Anxo Carro converteuse este fin de semana no escenario da I Exhibición de Fútbol a Pé, unha iniciativa organizada polo Club Deportivo Lugo en colaboración coa Asociación de Fútbol a Pé de Cangas e coa área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A actividade permitiu achegar ao público lucense unha modalidade deportiva adaptada que aposta pola participación, a inclusión e o desfrute por riba da competición.
O céspede do estadio albivermello viviu unha mañá diferente na que se disputaron varios encontros entre equipos formados por membros da asociación canguesa e unha selección de exxogadores do CD Lugo, que volveron vestir as cores do club nunha cita cargada de simbolismo.
Entre os antigos futbolistas que participaron na exhibición atopábanse Aitor Fernández, José Durán, Luciano, Roberto Trashorras, Paco Corredoira, Cabo, Buide, Martín Murado, Miguilla e Miguel Mateos, que compartiron terreo de xogo nun ambiente marcado pola deportividade e a convivencia.
A xornada contou tamén coa presenza da histórica futbolista galega Pili Neira, integrante da Asociación de Fútbol a Pé de Cangas. Aos seus 62 anos, participou nun encontro que reuniu homes e mulleres veteranos con diferentes capacidades, demostrando que o deporte pode seguir sendo un espazo de encontro e participación sen importar a idade.
O Fútbol a Pé mantén a esencia do fútbol tradicional, pero incorpora normas específicas que favorecen a seguridade e a inclusión. Entre as súas principais regras destacan a prohibición de correr, a ausencia de contacto físico que poida derivar en faltas e a prioridade de gozar da actividade por riba do resultado. Unha filosofía que quedou patente durante toda a mañá no Anxo Carro.
Máis aló dos encontros disputados, a exhibición serviu para dar visibilidade a esta modalidade emerxente e para reivindicar o papel do deporte como ferramenta de integración social. Os afeccionados que se achegaron ao estadio puideron desfrutar dunha xornada diferente nun dos espazos máis emblemáticos da cidade.
Desde o CD Lugo agradeceron especialmente a colaboración e implicación da Asociación de Fútbol a Pé de Cangas, así como o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para facer posible unha iniciativa orientada a fomentar o deporte inclusivo e a participación social na provincia.