O artista ferrolán Ángel Arias recibe unha bolsa para Suíza do Centro de Arte FMJJ

O Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ) resolveu a concesión da súa Bolsa de Formación Artística para o período 2026-2028, que nesta sétima edición recaeu no artista e investigador ferrolán Ángel Arias (1996). Grazas a esta axuda, dotada con 25.000 euros, o creador galego poderá cursar durante os próximos dous anos o Máster de Belas Artes do Art Institute da Academy of Art and Design FHNW de Basilea (Suíza), un dos programas de posgrao máis prestixiosos de Europa.
O máster que cursará Ángel Arias aborda a práctica artística a través de seminarios, simposios e obradoiros. Actualmente, é o único programa operativo en Europa cun currículo especializado en xénero, natureza e xustiza social, e impártese desde o Instituto de Rate que dirixe a comisaria e investigadora galega Chus Martínez (quen traballou, entre outros centros de referencia, no Museo do Barrio de Nova York, dOCUMENTA (13) de Kassel ou MACBA).
Ángel Arias súmase a este programa internacional cun perfil que combina a creación plástica e a investigación. O seu traballo constrúese desde un imaxinario propio formado por debuxos e formas corporais, naturais e arquitectónicas. Actualmente, o creador ferrolán —cuxo traballo foi presentado en espazos expositivos de Valencia, Alacante, Ferrol, Madrid e Portugal— compaxina a súa práctica artística coa fase final do seu doutoramento na Universitat Politècnica de València, onde tamén impartiu docencia.
A bolsa de formación do Centro de Arte FMJJ convócase no marco do acordo de colaboración entre a Fundación María José Jove e a Universidade de Artes e Ciencias Aplicadas do Noroeste de Suíza (FHNW), co obxectivo de contribuír á formación internacional de artistas nacidos en Galicia. Con esta adxudicación, son xa un total de oito as creadoras que se beneficiaron desta liña de apoio desde a súa posta en marcha en 2020.
Ademais, este curso o Centro de Arte FMJJ outorgou unha bolsa para participar na edición 2025-2026 do Programa de Estudos Independentes do MACBA, un proxecto que fomenta a produción de pensamento crítico e colectivo a través da interrelación entre as prácticas artísticas e as realidades sociopolíticas contemporáneas. A beneficiaria da bolsa foi a deseñadora gráfica e directora de arte Zeltia Iglesias (Ribeira, 1997).