O Auditorio Fuxan os Ventos acolle os ensaios da gala dos Premios Mestre Mateo

A Xunta impulsa o sector audiovisual galego con máis de 6,5 millóns de euros en apoio a producións e festivais
ensaios-Mestre-Mateo-Lugo
20 Mar 2026

O Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo acolle os ensaios previos á gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará mañá sábado, 21 de marzo, nun evento que converterá a cidade nun dos epicentros do audiovisual galego.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron as instalacións onde o equipo de produción ultima a montaxe do equipamento técnico necesario tanto para a celebración como para a retransmisión televisiva da gala. Durante o percorrido, no que estiveron acompañadas por representantes da Academia Galega do Audiovisual e da Xunta de Galicia, coñeceron de primeira man os detalles dos traballos desenvolvidos nos últimos días, nos que participan arredor de 200 profesionais.

A comitiva institucional accedeu aos distintos espazos habilitados para o evento, incluíndo o escenario principal, as salas destinadas á entrega dos galardóns e a zona de photocall, comprobando o avance dos preparativos dunha cita que mobiliza a boa parte do sector cultural galego.

Iria Castro puxo en valor o esforzo organizativo que require unha gala destas características e destacou que a xornada de mañá suporá o punto culminante de dous meses de programación cultural desenvolvida en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a área de Cultura do Concello de Lugo. Segundo indicou, esta 24 edición dos premios na cidade ten un carácter especial e servirá para proxectar Lugo como un referente na creación cultural.

Pola súa banda, Maite Ferreiro salientou o traballo realizado durante estes días por numerosos profesionais para garantir que o auditorio luza nas mellores condicións, ao tempo que subliñou que os Premios Mestre Mateo contribuíron a trasladar á cidade o interese e o orgullo polo audiovisual galego. Neste sentido, incidiu en que Lugo volve demostrar a súa capacidade para acoller eventos culturais de relevancia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que esta infraestrutura foi impulsada polo Goberno galego co obxectivo de consolidarse como un referente cultural na comunidade. Ademais, destacou o compromiso da Xunta co sector audiovisual, orientado a fomentar a creación, mellorar a calidade das producións e incrementar a súa visibilidade, tamén no ámbito internacional.

Segundo explicou, o sector atravesa un momento favorable e ao longo deste ano o Executivo autonómico destinará máis de 6,5 millóns de euros a iniciativas como producións e coproducións, atracción de rodaxes, organización de festivais e outras accións destinadas a reforzar a proxección do audiovisual galego.

A gala dos Premios Mestre Mateo preséntase así como un escaparate fundamental para recoñecer o talento da comunidade, nun escenario que busca consolidar a cultura galega e ampliar a súa presenza tanto a nivel estatal como internacional.

0.4695291519165