O BNG acudirá á Xustiza se a Xunta non fai públicos os informes sobre Altri e os acordos de Impulsa Galicia

Luís Bará advirte que parte da documentación foi externalizada, o que podería implicar a nulidade do procedemento
luis Bara
27 Mar 2025

O BNG esixiu este mércores que o Goberno galego publique todos os informes técnicos relacionados co proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, así como os acordos asinados coa sociedade público-privada Impulsa Galicia. De non facelo, a formación nacionalista anunciou que acudirá á vía xudicial.

O viceportavoz do grupo parlamentario, Luís Bará, advertiu que “a propia Xunta recoñeceu que existen 36 informes asinados por 42 técnicos”, e que a cidadanía ten dereito a coñecelos. Lembrou que o BNG xa solicitou esta documentación ao abeiro do artigo 9 do Regulamento do Parlamento sen obter resposta. “Xa está ben de utilizar o Parlamento como unha leira privada do PP”, afirmou.

Bará denunciou que o proceso administrativo está “cheo de irregularidades”, entre elas a suposta externalización de informes, o que “podería ser ilegal ou motivo de nulidade”. Tamén reclamou acceso ao acordo de outubro de 2021 entre Impulsa Galicia e Altri, que a Xunta mantén oculto, malia que Impulsa conta con maioría pública e está presidida pola conselleira de Industria.

Ademais, o deputado nacionalista subliñou que a macrocelulosa “aínda ten que superar numerosos trámites administrativos”, como a concesión de augas, a autorización ambiental integrada ou o informe de ordenación do territorio. Alertou tamén de posibles conflitos co Plan Hidrolóxico e co uso do encoro de Portodemouros.

⚙ Configurar cookies
0.12380790710449