O BNG acusa a Rueda de incumpridor e levará ao Debate da Nación os problemas “da Galiza real”

Olalla Rodil critica que o debate será “un refrito de anuncios” e sitúa o foco en sanidade, vivenda e mocidade.
Olalla-Rodil_Centro-Saude-de-Cervantes
7 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) avanzou que centrará o Debate do Estado da Nación Galega nos problemas “reais” da cidadanía, fronte a un goberno de Alfonso Rueda ao que cualifica de “incumpridor, preguiceiro e sen ideas”.

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, asegurou nunha rolda de prensa previa ao debate que o discurso do presidente da Xunta será “un refrito de anuncios que nunca se materializan”, e criticou o que definiu como “pura propaganda”.

Rodil presentou un informe no que o BNG recolle máis de 40 anuncios incumpridos do Executivo galego nos últimos anos, entre os que citou a creación dun fondo público-privado de 300 millóns de euros para sectores estratéxicos, a posta en marcha dun centro de coidados intermedios ou un programa para captar investigadores de alto nivel.

Segundo a deputada nacionalista, estas medidas foron anunciadas en varias ocasións sen chegar a executarse, o que, ao seu xuízo, evidencia “a falta de proxecto político dun goberno instalado no autobombo”.

No ámbito sanitario, Rodil criticou que a Xunta non cumprise co anuncio de incorporar 35 psicólogos clínicos nos centros de saúde, sinalando que actualmente hai arredor de 21 profesionais.

Fronte a isto, o BNG anunciou que levará ao debate as principais preocupacións da cidadanía, como as listas de espera sanitarias, a falta de pediatras —que afecta a arredor de 11.000 crianzas— ou o acceso á vivenda, con máis de 22.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes.

Tamén puxo o foco na situación da mocidade, que, segundo indicou, afronta dificultades para emanciparse debido ao elevado prezo dos alugueiros.

Rodil asegurou que o BNG presentará unha alternativa de goberno baseada en “ideas claras e propostas reais” e orientada a mellorar as condicións de vida da cidadanía.

0.3885350227356