O BNG acusa á Xunta de agochar información sobre as inspeccións de servizos sociais para deixar prescribir sancións

Iago Tabarés denuncia que a falta de transparencia cerna o traballo de control ao Goberno e vulnera os dereitos fundamentais da cidadanía
OURENSE iago tabarés bng
16 Sep 2026

O portavoz de Presidencia e Xustiza do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, acusou o Goberno da Xunta de agochar á Cámara información sobre as inspeccións realizadas a centros de servizos sociais, como residencias de maiores e centros de menores, co obxectivo de que prescriban procedementos administrativos que poden derivar en sancións ás empresas xestoras.

“Están deixando caducar procedementos sancionadores incoados”, asegurou Tabarés durante unha intervención na Comisión 1ª na que denunciou que o Goberno da Xunta, coa complicidade do PP no Parlamento, está a vulnerar de xeito reiterado os dereitos dos e das deputadas, e da propia cidadanía galega, limitando a formulación de preguntas no Parlamento, negándose a remitir a documentación solicitada ou eludindo as respostas ás cuestións formuladas.

A iniciativa rexistrada polo BNG, que presentou Tabarés, elude en concreto á negativa da Xunta a remitir ao Parlamento a documentación solicitada sobre inspección e expedientes sancionadores as vivendas comunitarias de Amoeiro, A Bola e Cudeiro ou as residencias de maiores de Montederramo, Monterrei, Chandrexa de Queixa, Esgos ou Nogueira de Ramuín.

Nalgunha destas, advertiu, producíronse graves infraccións e as empresas que as xestionan están recibindo “sancións irrisorias ou mesmo sen sancións”.

Tabarés exemplificou a súa denuncia sobre o boicot da Xunta o traballo da oposición de control ao Goberno co sucedido no centro de menores de Monteledo. “Que é o que non quere que consultemos, que se fixeron unhas obras que son unha chapuza, que se gastaron cartos en eficiencia enerxética e a climatización segue sendo por pingüino”?, preguntou ao director xeral de Familia e Infancia.

No caso de Monteledo, Tabarés criticou tamén as “condicións laborais e económicas tercermundistas” do cadro de persoal ou a falta de calidade na alimentación.

O deputado do BNG lamentou a “atrapallada” intervención do director xeral de Infancia, elixido polo Goberno do PP para responder a unha pregunta sobre prácticas de ocultación de información que vulneran os dereitos fundamentais da cidadanía e se saltan os estándares mínimos de calidade nun sistema democrático.

Á marxe dos servizos sociais, Tabarés censurou tamén falta de respostas do Goberno de Rueda sobre contratos menores da Xunta de empresas relacionadas con familiares de altos cargos populares ou con activistas da extrema dereita, como é o caso de EdaTV News, dirixida por Javier Negre. O BNG aínda está agardando unha resposta, subliñou, sobre a razón dos contratos asinados con este “pseudomedio de comunicación”, tanto os anteriores a 2023 como os máis recentes, entre eles o asinado o 23 de febreiro de 2026 para unha campaña institucional de Nadal.

0.26988410949707