O BNG acusa a Xunta de opacidade na planificación da auga e de desmantelar a participación cidadá

A deputada do BNG e portavoz de Montes, Industrias Forestais e Ciclo da Auga, Montse Valcárcel, acusou ao Goberno galego de practicar unha “planificación hídrica opaca” e de estar a desmantelar a participación cidadá na xestión da auga, en base aos orzamentos de Augas de Galiza para o período 2026-2028.
Valcárcel denunciou a “incoherencia radical” entre o discurso oficial da Xunta sobre participación, sustentabilidade e boa gobernanza e o que, segundo indicou, reflicten realmente as contas públicas. “Os números que temos e que son públicos retratan unha realidade moi diferente á que proclama o Goberno”, advertiu.
Segundo explicou, os procesos de participación pública previstos para 2026 redúcense a dous, mentres que en 2027 e 2028 desaparecen por completo. Ademais, a planificación en abastecemento e saneamento, dotada con 1,066 millóns de euros en 2026, queda sen financiamento nos dous exercicios seguintes. A isto súmase a eliminación dos fondos para educación para a sustentabilidade, que contan con máis de 830.000 euros en 2026, pero quedan a cero en 2027 e 2028, malia ser unha competencia de Augas de Galiza compartida coa Consellería de Educación.
“Non é un axuste técnico, é un desfinanciamento sistemático da participación cidadá, da transparencia hídrica e da educación sustentable, xusto cando Galiza afronta desafíos máis complexos”, afirmou a deputada nacionalista, que acusou ao Executivo de “romper coa coherencia entre as palabras e os feitos”.
Neste contexto, Valcárcel preguntou ao director xeral de Augas de Galiza, Roi Fernández Añón, pola xustificación da eliminación dos procesos de participación pública e se esta decisión cumpre coa Directiva Marco da Auga da Unión Europea. Ante a resposta de que a participación “continúa por outras vías”, a deputada replicou que, se non se explican, “trátase tan só dun acto de fe”.
Tamén cuestionou as consecuencias da desaparición da planificación en abastecemento e saneamento a partir de 2026 e o impacto da eliminación dos programas de educación ambiental nos concellos e centros educativos implicados.
Propostas do BNG
Durante a súa intervención, Valcárcel expuxo tres medidas concretas que, segundo indicou, xa funcionan noutras comunidades autónomas. A primeira é a creación de consellos de conca con voto vinculante para concellos, sector agrícola, industria e veciñanza, como ocorre na Axencia Catalá da Auga ou na Confederación Hidrográfica do Douro. A deputada lembrou que o Consello Sustentable da Auga en Galiza leva máis dunha década paralizado e, ademais, non terá carácter vinculante.
A segunda proposta é a creación dunha plataforma pública de reclamacións contra vertidos e contaminación, con resolución garantida en 30 días, seguindo o modelo da Axencia Vasca da Auga, onde as denuncias son públicas e o seguimento faise en liña.
Por último, o BNG propón a realización de auditorías cidadás anuais sobre eficiencia e contaminación, coa participación de veciñanza, persoal técnico, sector agrícola e industria, para verificar sobre o terreo os resultados da xestión de Augas de Galiza.
Valcárcel subliñou que estas medidas “non son radicais nin custosas” e supoñen apenas o 0,4 % do orzamento total do organismo. “Trátase de redistribuír prioridades e apostar por un modelo de boa gobernanza, participativa e transparente”, afirmou.
“Galiza non pode vivir dunha retórica participativa mentres os orzamentos din o contrario. É hora de converter o discurso en realidade: a cidadanía ten dereito a participar, a saber e a auditar”, concluíu.