O BNG acusa a Xunta de Rueda de permitir incumprimentos no Plan de Transporte para “tapar a súa neglixencia”

O BNG denuncia que a Xunta permite incumprimentos no Plan de Transporte Público para ocultar erros no deseño das concesións e evitar que as empresas abandonen o servizo, o que, segundo Paulo Ríos, pon en risco a seguridade e o dereito á mobilidade da cidadanía galega.
Paulo
6 Nov 2025

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos, acusou á Xunta de Rueda de permitir incumprimentos no deseño e execución do Plan de Transporte Público de Galiza para “tapar a súa neglixencia”. Segundo indicou, “os pregos están mal feitos e os plans de explotación mal calculados”, polo que o Goberno galego evita esixir o cumprimento dos contratos “porque, se o fixese, as concesionarias abandonarían e caería todo o sistema de transporte”.

Durante unha interpelación ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, Ríos lembrou as constantes queixas das persoas usuarias, os atrasos inxustificados, a antigüidade excesiva dos vehículos ou a falta de prazas nos autocares, situacións que obrigaron a moitas viaxeiras a viaxar de pé en traxectos interurbanos, “co evidente risco para a súa seguridade”. “O seu plan é un total desastre”, afirmou o deputado, engadindo que o PP “aplica un parche para seguir mantendo que o seu proxecto é viable cando realmente non o é”.

Ríos denunciou tamén a falta de transparencia do Goberno galego, que só remitiu ao BNG datos de 26 das 127 concesións existentes. “O PP pensa que non temos dereito, como representantes do pobo galego, a fiscalizar o que ocorre co transporte público”, criticou.

En canto ao incumprimento dos quilómetros contratados, o deputado citou datos do especialista en mobilidade Juanjo Ruiz, segundo os cales o 20 % dos quilómetros quedan sen realizarse, cando superar o 2 ou 5 % xa se considera sanción grave ou moi grave. Estes quilómetros, explicou, “pasan a disposición da Administración, algo irregular porque deben prestarse no mesmo ano natural”, o que na práctica supón “unha amnistía ás empresas”.

Ríos denunciou tamén irregularidades nas subvencións e compensacións outorgadas baixo o concepto de “Guerra de Ucraína”, que, segundo o BNG, recoñecen implicitamente que as concesionarias “non fixeron os quilómetros que tiñan que facer en 2024”. “É escandaloso que haxa empresas que van recibir preto de 800.000 euros cando teñen incumprimentos do 30 %”, afirmou, criticando que “premiamos por incumprir”.

O deputado concluíu advertindo que só seis das 129 concesións cumpren cos quilómetros previstos e reclamou rescindir os contratos incumpridores e elaborar un novo Plan de Transporte “feito con rigor e atendendo ás necesidades reais do pobo galego”.

⚙ Configurar cookies
0.29863691329956