O BNG acusa ao PP de fomentar a especulación no litoral e fala de “chiringuitada”

O deputado Luís Bará critica a xestión da Lei do Litoral por parte da Xunta e denuncia a falta de planificación e a proliferación de establecementos turísticos na costa.
Luis Bara
30 Mar 2026

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, acusou ao Goberno galego de impulsar a especulación no litoral a través dunha “explotación intensiva” das zonas costeiras e dunha proliferación de establecementos turísticos ao abeiro da Lei do Litoral.

O deputado nacionalista criticou que, tras dous anos e medio desde a aprobación da norma, o balance se pode resumir, ao seu xuízo, nunha “chiringuitada”. Segundo explicou, a principal medida impulsada pola Xunta foi a ampliación da tempada dos chiringuitos desde Semana Santa ata outubro, así como o incremento do número de autorizacións, que sitúa arredor de 400 establecementos.

Bará denunciou que, mentres se promove este tipo de iniciativas, seguen sen aprobarse os instrumentos clave de planificación previstos na lei. Entre eles, citou as Directrices de Ordenación do Litoral, que deberían estar aprobadas en 2025, así como o Plan de Ordenación Costeira e o Plan de Ordenación Mariña, que continúan pendentes.

O parlamentario do BNG considera que esta falta de desenvolvemento normativo responde a unha estratexia deliberada do Goberno galego. “As prioridades do PP son encher a costa de chiringuitos e promover establecementos turísticos”, afirmou.

Neste sentido, tamén criticou que se deixase sen efecto parte do Plan de Ordenación do Litoral (POL) de 2011, o que, segundo indicou, facilita a autorización de instalacións como campamentos turísticos, bungalows ou cabanas en zonas con protección ambiental.

Para Bará, estas actuacións responden a un modelo baseado na “desregulación e desprotección do litoral”, que favorece a especulación e pon en risco os valores ambientais da costa galega.

0.36718797683716