O BNG acusa ao PP de tratar a Ribeira Sacra como “un parque temático” e pide un plan real para o territorio

O deputado do BNG Iago Suárez acusou ao Goberno galego de utilizar a Ribeira Sacra como “un parque temático” e esixiu a posta en marcha dun plan de futuro real para este territorio, que conte coa veciñanza e afronte retos estruturais como o emprego, a vivenda e a remuda xeracional no sector vitivinícola.
Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, Suárez preguntou ao conselleiro de Cultura, José López Campos, pola candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, denunciando o “escurantismo” da Xunta ao respecto. “A xente non sabe que vai pasar ao día seguinte da candidatura”, advertiu, sinalando o malestar de comunidades locais que se senten excluídas do proceso.
O deputado lembrou que o sector vitivinícola da zona depende da produción en bancais e que a idade media dos traballadores supera os 60 anos, polo que considera urxente un plan de remuda. “Sen apoio, este sector podería desaparecer nun par de décadas”, indicou.
Suárez tamén criticou a falta de planificación no ámbito turístico, mencionando casos recentes de autobuses atrapados pola mala xestión das rutas. Así mesmo, reclamou a protección do patrimonio románico da zona, sinalando a súa singularidade e o estado de abandono de moitos bens como o Pazo de Vilar, a Casa do Torno ou a Torre de Arcos.
Finalmente, advertiu que “a Unesco pode retirar declaracións de Patrimonio da Humanidade se non se cumpre cos criterios” e sinalou os erros da candidatura anterior presentada en 2021. “Esta vez parece que a presentan en firme, pero seguen sen contar coa xente”, concluíu.