O BNG acusa o PP de afondar no baleirado das institucións de autogoberno e de deteriorar a saúde democrática de Galicia

Olalla Rodil denuncia o uso da Lei de Acompañamento para controlar o IGE, restar poder á Valedora do Pobo e reformar as Medallas de Galicia “ao antollo de Rueda”
OlallaRodil
28 Oct 2025

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, critica que o PP empregue a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para modificar ata 50 leis e 15 decretos “pola porta de atrás”, reducindo a autonomía das institucións galegas e favorecendo os intereses políticos e empresariais do Goberno.

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou este luns ao PP de utilizar a Lei de Acompañamento dos Orzamentos para “afondar no baleirado das institucións de autogoberno” e “controlar politicamente todos os órganos que deberían ser independentes”. Rodil advertiu de que o “PP de Rueda é dos máis autoritarios que vimos nos últimos tempos”, e que estas manobras “poñen en risco a saúde democrática de Galicia”.

Segundo explicou, o PP empregará a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para modificar “pola porta traseira” ata 50 leis e 15 decretos, evitando o debate público sobre cambios lexislativos que afectan directamente á arquitectura institucional do país.

Entre os exemplos, Rodil sinalou a reforma da Lei de Estatística, coa que o PP pretende “facerse co control político do Instituto Galego de Estatística (IGE)”, expulsando do Consello Galego de Estatística ás persoas representantes da oposición e reducindo a participación de colectivos sociais, mentres “aumenta a capacidade da Xunta para colocar máis persoas a dedo”.

Tamén criticou a intención do Goberno de retirar competencias á Valedora do Pobo, trasladando a Comisión de Transparencia ao Consello Consultivo, “un movemento que só se entende porque lle permite ao PP ter un maior control e nomeamento discrecional dos seus membros”, apuntou. Rodil lembrou o papel esencial desta comisión para garantir o acceso á información pública e superar os atrancos da Xunta cando a oposición solicita documentación.

A deputada nacionalista denunciou ademais que o presidente Alfonso Rueda utilice o “subterfuxio” da Lei de Acompañamento para reformar a concesión das Medallas de Galicia, despois da polémica pola distinción a Leonor de Borbón, que “vulnerou o decreto das medallas”. “No canto de cumprir a lei, o PP cámbiaa para que o presidente poida darlle a medalla a quen lle dea a gana”, criticou, referíndose a Rueda como “o Rei Sol” e cualificándoo de “autócrata”.

Rodil tamén advertiu do “uso abusivo da lei para satisfacer as ansias depredadoras das grandes enerxéticas”, ao introducir cambios que outorgan un interese superior aos proxectos eólicos por riba da protección da paisaxe. “É outra mostra do concepto de democracia que ten o PP: gobernar sen control e ao servizo das patronais”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.30432200431824