O BNG advirte da ameaza para o sector gandeiro do acordo Mercosur-UE e do recorte da PAC

A formación nacionalista alerta dunha perda de ata 80 millóns de euros anuais para Galicia coa nova PAC e rexeita o acordo co Mercosur pola competencia desleal e a falta de garantías sanitarias
BNG rURA
22 Dec 2025

O Bloque Nacionalista Galego celebrou na Casa da Cultura de Becerreá unha Xornada Nacional de debate sobre a situación do sector do vacún de carne en Galicia, na que alertou das ameazas que supoñen o futuro acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur e o novo marco financeiro europeo (2028-2034) da Política Agraria Común (PAC).

No primeiro bloque, titulado A PAC e o Mercosur, interviñeron a eurodeputada Ana Miranda e o deputado no Parlamento galego Secundino Fernández. Ambos denunciaron que a proposta orzamentaria da Comisión Europea para o próximo período supón un recorte do 22 % nos fondos da PAC, que pasarían de 387.000 a 302.000 millóns de euros, ao priorizar o gasto militar fronte a políticas estratéxicas para o rural.

Segundo o BNG, esta redución podería traducirse para Galicia nunha perda de ata 80 millóns de euros anuais destinados a desenvolvemento rural, mobilidade de terras e promoción de produtos agroalimentarios, ademais de obrigar aos Estados a cofinanciar liñas de axuda, deixando ás explotacións galegas en desvantaxe competitiva.

En relación ao acordo Mercosur-UE —integrado por Arxentina, Uruguai, Paraguai, Bolivia e Brasil—, a formación reiterou o seu rexeitamento á liberalización do 90 % do comercio entre ambos bloques. O pacto, previsto para 2026, prexudicaría especialmente ás explotacións de vacún de carne, aves e mel, beneficiando ás grandes multinacionais e xerando competencia desleal, ademais de riscos para as persoas consumidoras pola falta de garantías sanitarias.

Na segunda mesa, dedicada ao Sector vacún de carne na Galicia, Román Sánchez e Sonia Vidal debateron coa audiencia sobre a saída de becerros a outros territorios, a descapitalización do sector e as tensións entre oferta e demanda. Apostaron por diversificar canles, potenciar a venda directa, os obradoiros compartidos e a transformación alimentaria.

As persoas relatoras subliñaron tamén a importancia estratéxica da gandería en extensivo para a prevención de incendios e o coidado do territorio, así como o valor da Ternera Galega, reclamando políticas públicas que a acompañen e potencien.

O BNG concluíu reiterando o seu rexeitamento frontal ao acordo Mercosur-UE e esixindo unha PAC con fondos suficientes e garantidos que protexa o modelo gandeiro galego, clave para a sustentabilidade económica e ambiental do país.

⚙ Configurar cookies
0.29603981971741